A Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel vermello
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel vermello que afectará ao litorais das provincias da Coruña e Pontevedra a partir deste xoves. Ademais, desde as 00,00 horas, quedará tamén activado o nivel de alerta laranxa por neve nas zonas de montaña de Lugo e Ourense que pode acadar espesores superiores aos 20cm en zonas por riba dos 800-900 metros
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía, dende primeiras horas desta tarde o litoral da Coruña e a partir da madrugada nos litorais de Lugo e Pontevedra activase alerta laranxa con vento do oeste e suroeste de forza 7, que pode acadar ata forza 9 e mar combinada do noroeste con ondas de ata 8 metros.
Este nivel de alerta laranxa pasa ser de nivel vermello a partir das primeiras horas do xoves nos litorais de Pontevedra e A Coruña, con mar combinada do noroeste que pode acadar ondas de 9 metros, con especial incidencia na costa da Morte, onde poden acadar os 10 metros e o vento, que será do oeste-noroeste, pode acadar forza 9.
Debido a que o fenómeno metereolóxico coincide con mareas vivas e máximos de oleaxe na preamar é probable que que teña especial incidencia en puntos sensibles, na costa da morte e nas Rías Baixas. A situación manterase ata o final dos xoves que pasará a haber alerta laranxa en todo o litoral galego,
SUSPENSIÓN ACTIVIDADES PESQUEIRAS E MARISQUEIRAS
Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Unha recomendación que é extensible á pesca deportiva e a outras actividades deportivas no mar. Tamén se insta a extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera outro tipo de actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.