A organización de eventos deportivos de Pontevedra serve como inspiración para o municipio luso de Paredes
Por Manu Otero
Unha delegación do municipio portugués de Paredes, pertencente ao distrito de Porto, visitou este mércores Pontevedra para ampliar os seus coñecementos sobre a organización de eventos deportivos que tantos beneficios económicos, turísticos e publicitarios está a reportar á cidade do Lérez.
"Temos coñecemento dos eventos deportivos de Pontevedra como os campionatos de tríatlon e como conseguiron a través do deporte dinamizar e dar a coñecer a cidade", declarou o vereador (concelleiro) de Deportes da Cámara Municipal de Paredes, Paulo Silva, que chegou á capital da provincia compañado pola técnico de Mocidade, Marlene Silva.
Durante a súa estancia en Pontevedra, a comItiva lusa mantivo unha reunión con técnicos do departamento de Deportes e a oficina de voluntariado para coñecer os pormenores da organización desta clase de eventos. Pola tarde, acompañados polo concelleiro de Deportes pontevedrés, Tino Fernández, percorreron as principais instalacións deportivas do municipio.
"Organizamos grandes eventos de balonmán, pero non conseguimos mobilizar aos nosos mozos como voluntarios", admite o edil portugués para xustificar o seu interese polo funcionamento da oficina de voluntariado pontevedresa. "Impulsar a imaxe de Paredes", é outro dos obxectivos que esperan conseguir tomando Pontevedra como exemplo.
"Estamos encantados de que os compañeiros de Paredes estean aquí para ver e falar do deporte en Pontevedra. O noso modelo foise creando aos poucos, con moito traballo dunha cidade que ama, practica e utiliza o deporte para a súa promoción turística e económica", afirmou o socialista Fernández, quen se mostrou tamén disposto a "aprender deles, están a facer cousas resúltannos moi interesantes".
Un dos factores que captou a atención do executivo de Paredes e que, segundo eles ten repercusión en todo o país veciño, non son só a organización de eventos, "tamén pola realización de competicións na rúa", concluíu.