Máis de 800 estudantes coñecen as saídas laborais do sector pesqueiro
Por Redacción
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra desenvolve o proxecto 'Remuda xeracional. Cal é o teu oficio?' no que máis de 800 estudantes de distintos institutos públicos e concertados de Marín, Poio, Pontevedra, Sanxenxo, Bueu e Meaño participan de 21 talleres nos que se mostran os diferentes oficios relacionados co sector pesqueiro e as titulacións académicas que se precisan para desenvolver esas profesións.
Nunha segunda fase, o alumnado participará en saídas educativas para visitar empresas relacionadas coa actividade marítima e pesqueira, de forma que poidan comprobar as saídas profesionais que teñen.
Ata finais de decembro desenvolveranse oito saídas dentro desta programación que ten como finalidade que se incorporen novas xeracións ao sector pesqueiro ante a falta de novos profesionais que se está experimentando durante os últimos anos.