Arrestan en Badaxoz tres marinenses e un pontevedrés con case nove quilos de haxix
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil de Badaxoz detivo tres veciños de Marín e un de Pontevedra por un presunto delito de tráfico de drogas. Os axentes interviñéronlles case nove quilos de haxix ocultos en dobres fondos de dous vehículos cando circulaban por Calzadilla de los Barros.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, os arrestos tiveron lugar na madrugada do pasado luns, no marco dun dispositivo de servizo establecido para a prevención do tráfico de substancias estupefacientes na estrada A-66.
No transcurso da identificación dos condutores e ocupantes, catro veciños de Pontevedra, o forte cheiro que desprendía o interior dos vehículos fixo sospeitar aos axentes de que estes poderían transportar oculto haxix.
Na minuciosa inspección das súas pertenzas, descubriron diferentes dobres fondos practicados en ambos os dous vehículos, onde ocultaban 90 tabletas da devandita substancia, cun peso total de 8.900 gramos.
Así, segundo informou a Garda Civil en nota de prensa, desta droga poderíase obter no mercado ilícito unhas 36.000 doses, polo que os catro pontevedreses foron detidos por un delito contra a saúde pública.
Tras a detención dos supostos autores da acción delituosa, púidose descubrir que a droga intervida supostamente procedía do sur da península e o seu destino para a distribución e venda sería Galicia.
As dilixencias xunto cos detidos foron postos ao dispor do xulgado de instrución de Zafra, que decretou o ingreso en prisión dun deles.
Relacionadas:
-
Atopan 663 quilos de cocaína ocultos entre plátanos no porto de Marín
Por Alejandro Espiño |
-
Atopan 200 quilos de cocaína ocultos nun contedor no porto de Marín
Por Redacción |
-
Denuncian once mozos por tenencia e consumo de drogas nun bar de Bueu
Por Redacción |
-
Desarticulan un punto negro de venda de droga que xeraba conflitividade en Loureiro Crespo
Por Redacción |