Absolven o responsable do club de Peinador e rexeitan o peche solicitado pola Fiscalía
Por Redacción
A Audiencia de Pontevedra absolveu o responsable do Hotel Club Peinador, un dos maiores clubs de alterne do sur de Galicia, do delito laboral do que estaba acusado por ter unha vintena de traballadores, maioritariamente mulleres, en situación irregular.
A sentenza rexeita ademais a petición que fixera a Fiscalía para que o club fora clausurado durante cinco anos.
A maxistrada da sección cuarta da Audiencia considera probado que B.D.M.S., naquel momento administrador da empresa Josmifran S.L., propietaria do local, tiña no peor dos supostos 21 traballadores dados de alta no Réxime Xeral da Seguridade Social, trece dos cales foron documentados no momento da inspección, en outubro de 2014.
As autoridades documentaron a 22 mulleres estranxeiras ao considerar que se achaban traballando para o club realizando funcións de alterne, sen ser dadas de alta na Seguridade Social e a outras seis mulleres, tamén estranxeiras, que ademais carecían do permiso de traballo e que se atopaban desempeñando idéntica actividade.
De catro destas 22 mulleres identificadas, con todo, descartouse que tivesen relación algunha coa sociedade que xestiona o club.
Os traballadores que, en cómputo global, estaban en situación irregular, por tanto non alcanzaban o 50% da totalidade dos empregados da empresa, barreira que fixa a lexislación laboral para que estas irregularidades sexan consideradas un delito penal.
Ese é o argumento que esgrime a Audiencia de Pontevedra para absolver ao administrador, para o que a Fiscalía pedía tres anos de cárcere, e á propia sociedade propietaria do Hotel Club Peinador.
Ao non cumprirse ese requisito, engade a sentenza, non hai necesidade de valorar a proba practicada respecto a se as 24 das 28 persoas que se achaban no club sen estar dadas de alta na Seguridade Social estaban a realizar actividade laboral por conta allea e de que tipo.