A Deputación e a Garda Civil, premiadas polo seu compromiso fronte á violencia machista
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e o Equipo de Muller e Menor (EMUME) da comandancia da Garda Civil de Pontevedra foron recoñecidos pola súa loita fronte á violencia machista. Recibirán os Premios Meninas, que se entregan a persoas ou entidades que destaquen polo seu compromiso na erradicación da violencia de xénero.
Así o determinou o xurado dos Premios Meninas, que se entregan desde o ano 2004 a nivel estatal da man da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero.
Os galardoados recibirán os seus recoñecementos o próximo día 28 no Hostal dos Reis Católicos. É a segunda vez que os premios se entregan en Galicia.
A institución que preside a socialista Carmela Silva é a entidade premiada na provincia de Pontevedra. O fallo destaca que creou no ano 2015 un servizo de Igualdade co obxectivo de lograr a consecución da igualdade efectiva para as mulleres e homes en todos os ámbitos da vida política, económica cultural e social da provincia.
A súa actividade, engade o xurado, céntrase en entidades de iniciativa social e concellos de menos de 20.000 habitantes.
Pola súa banda, o Equipo de Muller e Menor da Garda Civil de Pontevedra recibirá unha mención honorífica polo seu traballo naquelas intervencións máis graves no ámbito relacionado coa violencia de xénero así como malos tratos graves, agresións sexuais neste ámbito, abandono de nenos e menores, mendicidade ou explotación laboral de menores.
Ademais, tamén actúan ante o tráfico de nenos, trata de seres humanos con fins de explotación sexual, pornografía infantil, agresións ou abusos sexuais a menores, delincuencia xuvenil, malos tratos a persoas con discapacidade intelectual ou persoas maiores.
O xurado galego dos premios, presidido polo delegado do Goberno, Javier Losada, completárono as persoas titulares das subdelegacións provinciais: Pilar López-Rioboo, Isabel Rodríguez, Emilio González e Maica Larriba; que contaron coas propostas da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación e as súas unidades provinciais de coordinación.
Relacionadas:
-
Recoñecemento especial nos Premios Meninas a Carmela Silva, que "sufriu o machismo en primeira persoa"
Por Redacción |
-
'Rompe tu silencio', o vídeo da Garda Civil para sensibilizar o alumnado sobre a violencia contra a muller
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
33 denuncias por violencia de xénero na provincia durante a primeira quincena de novembro
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Mil nomes contra as violencias machistas: "O silencio é un luxo que non nos podemos permitir"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva expresa a súa "indignación profundísima" pola denominación de "violencia intrafamiliar"
Por Oskar Viéitez |