Atopan 663 quilos de cocaína ocultos entre plátanos no porto de Marín
Por Alejandro Espiño
Primeiro entre sacos de fabas e agora entre caixas de plátanos. As autoridades interceptaron un novo envío de droga, o segundo esta semana, a través do porto de Marín.
Axentes do ECO Galicia e da Unidade Central Operativa (UCO) de Madrid lograron intervir 663 quilos de cocaína que viñan ocultos nun contedor con plátanos tras a descarga dun barco no porto que realizaba roteiro comercial entre América e Europa.
Segundo informou o instituto armado, organismos internacionais que se dedican a investigar o tráfico de drogas foron quen alertou da chegada da droga a Marín.
Esta información foi clave para atopar este cargamento de droga, que foi localizado na tarde de onte mércores.
O operativo foi desenvolto por axentes especiais contra o Crime Organizado da Unidade Central Operativa, baixo a coordinación da Fiscalía Antidroga, que estableceron un dispositivo para abrir e inspeccionar un buque portacontedores procedente de Sudamérica que transportaba, entre outras mercadorías legais, un cargamento de plátanos.
Ademais, na operación colaboraron tamén a Garda Civil de Pontevedra e Aduanas.
Este o segundo alixo que as autoridades incautan esta semana nun contedor descargado no porto de Marín. O pasado luns foron interceptados preto de 200 quilos de cocaína que estaban entre sacos de fabas procedentes de Sudamérica.
O barco no que viaxou o recipiente partiu de Chile e, antes de chegar a Marín, fixo varios transbordos en Panamá, Hamburgo e Alxeciras.
Os investigadores cren que os responsables do envío e a empresa que o transportaba descoñecían que a droga ía camuflada entre a súa mercadoría. Os narcotraficantes romperon o precinto e, posteriormente, introduciron a droga sen levantar sospeitas.
Relacionadas:
-
Desarticulan a organización máis activa de Europa na introdución de cocaína a través dunha operación iniciada en Marín
Por Redacción |
-
Interceptan 160 quilos de cocaína ocultos nun contedor procedente de Sudamérica no porto de Marín
Por Natalia Puga |
-
Arrestan en Badaxoz tres marinenses e un pontevedrés con case nove quilos de haxix
Por Oskar Viéitez |
-
Atopan 200 quilos de cocaína ocultos nun contedor no porto de Marín
Por Redacción |