O campus de Pontevedra pon en marcha salas de lactación
Por Oskar Viéitez
A Universidade de Vigo pon en servizo a partir desde este xoves catro salas de lactación, dúas no campus de Pontevedra e outras tantas no de Vigo, e ten previsto en vindeiros días sumar unha quinta no campus ourensán.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, participaron este mediodía na inauguración do espazo habilitado na planta baixa da Escola de Enxeñaría Forestal. Este centro e a Facultade de Belas Artes acollen as dúas salas de lactación habilitadas no campus de Pontevedra.
Están dotadas de cadeiras e coxíns para lactación, un cambiador, neveira, microondas e dispensador de auga, e están destinadas a favorecer que as traballadoras e estudantes universitarias poidan continuar coa lactación materna cando se incorporen ao seu posto, tralo nacemento dos seus fillos.
O reitor se refiriu a esta iniciativa como "un paso pequeniño, pero significativo" e sinalou que con estas cinco salas nos tres campus, a Universidade de Vigo convértese na primeira de Galicia e na cuarta de España, tras Murcia, Valencia e Sevilla, en habilitar uns espazos que tanto a Organización Mundial da Saúde (OMS), como a Lei de Prevención de Riscos Laborais, recomendan en empresas nas que traballan máis de mil persoas.
Manuel Reigosa cree que "é preciso que as mulleres atopen o seu lugar profesional e todas as medidas que podamos poñer en marcha para favorecer a conciliación farán unha sociedade máis xusta e feliz".
A directora da Unidade de Igualdade indicou que as salas están pensadas tanto para dar peito como para extraer leite, e agarda "acabar coa penosa experiencia de moitas traballadoras da universidade que tiñan que ir aos baños, algo que producía moitas incomodidades, estrés e pouca garantía de seguranza e hixiene".
"As institucións cegas ao xénero invisibilizan as necesidades das mulleres que parimos, menstruamos, damos de mamar, etc, polo que estas salas na nosa universidade rompen cun paradigma que lle daba as costas ‘á vida’ no seu sentido máis humano", asegura Águeda Gómez.
Relacionadas:
-
Unha "tetada láctea" nas Palmeiras concienciará sobre a importancia da lactancia materna en lugares públicos
Por Redacción |
-
O persoal da Deputación xa pode facer uso das salas de lactación e de comedor
Por Redacción |
-
O campus de Pontevedra presume de boa saúde e supera os 4.000 alumnos
Por Redacción |