O Concello de Marín reparte 2.500 euros entre as oenegués para que os seus usuarios celebren o Nadal
Por Redacción
O Concello de Marín repartirá 2.500 euros en cheques para alimentos ás oenegués da vila. Esta acción está enmarcada na campaña de Nadal e ten como obxectivo facer que os usuarios destas asociacións poidan tamén gozar destas festas.
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, anunciou este xoves a entrega de 500 euros ao comedor benéfico e a Cáritas. Mentres que a SOS, Sor Elvira e Amenac entregaranlles 450 euros a cada unha; e a Cáritas Santomé, 150 euros. Os fondos decidíronse en proporción ao número de familias que atende cada organización.
A entrega dos cheques a representantes de cada un dos colectivos beneficiados produciuse esta mañá. A concelleira aproveitou a visita para facerlles entrega tamén do material de promoción e organización da campaña de recollida de alimentos nos centros educativos que comezará o 2 de decembro e concluirá o día 19 do mesmo mes.
CENTRO DE ALZHEIMER
O novo centro terapéutico para persoas con Alzheimer ou outro tipo de demencias entrará en funcionamento o vindeiro luns, día 18. Esta instalación impulsada por Afapo e o Concello centrarase na organización de obradoiros de intervención terapéutica onde os participantes realizarán actividades cognitivas, funcionais, motrices e socializadoras.
Esta iniciativa será gratuíta para os usuarios que ocupen as 15 prazas ofertadas. Será o Concello o que asuma todos os custos e desde o goberno local informan que aínda queda unha praza de matrícula vacante.
Relacionadas:
-
O Concello de Marín aumentará o importe das axudas ás oenegués do municipio
Por Redacción |
-
Marín axita os ánimos do Nadal con mercadillos, música e a chegada de Papá Noel
Por Redacción |
-
O Nadal de Marín acenderase o 5 de decembro e chega cargado de actividades lúdicas para menores
Por Redacción |
-
A alameda de Marín volverá contar co mercado de Nadal das ANPAS
Por Redacción |
-
Papá Noel, un carrusel e un tren alegrarán o Nadal dos marinenses
Por Redacción |