Andrés Díaz acusa o Sergas de conceder "a dedo" unha unidade de fisioterapia ao centro de saúde de Tenorio
Por Redacción
O concello de Ponte Caldelas mostra o seu malestar co Sergas pola adxudicación "a dedo" dunha unidade de fisioterapia para o centro de saúde de Tenorio que dará servizo a 15.000 pacientes dos municipios de Cerdedo-Cotobade, Forcarei, A Lama e Ponte Caldelas.
"Vemos con bos ollos que se poñan en marcha novos servizos, pero as cuestións que afectan a varios concellos deben tomarse de xeito consensuado", lamenta o alcalde socialista, Andrés Díaz.
Denuncia o rexedor que o de Tenorio non é un centro de saúde de referencia para a poboación destes municipios e que o Sergas "non consultou connosco a localización desta nova unidade, é unha decisión partidista", engade.
No seu comunicado, desde o Concello censuran que "mentres os centros de saúde da contorna sofren recortes en persoal, non cobren baixas médicas, nin vacacións e temos profesionais compartidos entre centros de diferentes concellos, para os concellos amigos hai novos servizos que lle poñen unha medalla a un alcalde amigo do PP".
Aínda que agradecen a implantación de novos servizos, Andrés Díaz reclama que tamén é necesario mellorar as infraestruturas xa existentes. "En Ponte Caldelas queremos ter un centro de saúde ben atendido", remata.