"Defensoras de dereitos", un ciclo de charlas e accións de comercio xusto
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer a posta en marcha, en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGs, do programa "Defensoras de dereitos", que inclúe a celebración de charlas en Vilagarcía, Redondela, Bueu e Cuntis (entre o 19 e o 22 de novembro) que se completarán con actividades de comercio xusto en Poio, Nigrán e Marín (entre o 24 e 28 de novembro).
Carmela Silva destacou en rolda de prensa que o propósito desta iniciativa é "fomentar a comprensión das desigualdades e mudar a realidade".
A actuación, enmárcase nos Días Europeos de Solidariedade Local que promove a Rede Europea de Gobernos Locais e Rexionais para o Desenvolvemento, "PLATFORMA", á que se acaba de adherir a Deputación de Pontevedra.
"Defensoras de dereitos", é unha acción encamiñada á "fomentar a comprensión das desigualdades e inxustizas sociais, amosar como o xénero e outras cuestións transversais, como a etnia, clase social ou o medio, determinan as desigualdades e como podemos, a través da nosa participación, mudar a realidade", dixo Carmela Silva.
CHARLAS
A charla "Defensoras de dereitos. A loita comunitaria das mulleres en Colombia e Nicaragua", a cargo de Georgina de los Ángeles Molina Rivera e Alicia Valencia Cuetia, terá lugar en Vilagarcía de Arousa o 19 de novembro ás 19.00 horas no Salón García.
Pola súa banda "Violencias sexuais: da denuncia individual á acción colectiva", a cargo de Georgina de los Ángeles Molina e Lola Ferreiro, terá lugar o 21 de novembro ás 19.00 horas na Sala Amalia Domínguez Búa de Bueu.
Finalmente a conferencia "A resistencia de Nicaragua dende o exilio", a cargo de Georgina de los Ángeles Molina Rivera e Tamara Iyas Morales Orozco, desenvolverase en Cuntis o 22 de novembro ás 19.00 horas na Biblioteca Municipal Roberto Blanco Torres.
COMERCIO XUSTO
O 24 de novembro terá lugar en Poio a feira "Comercio con sentido" na Praza Rualeira de Combarro (entre as 11 e as 14 horas) e o showcooking "Cociñando Comercio Xusto" na Escola do Campo ás 12.30 horas. O día 26 de novembro no CEIP Chancelas (Poio) ás 10.00 horas terá lugar o obradoiro infantil "Coñecendo o comercio xusto a través da cociña".
En Marín todas as actividades se desenvolverán o 28 de novembro. A feira "Comercio con Sentido" terá lugar no IES Chan do Monte ás 10.00 horas e ás 9.10 horas (no mesmo centro) o obradoiro xuvenil "Vaia tea". O showcooking "Cociñando con Comercio Xusto" será tamén o mesmo día ás 19.00 horas no Ateneo Santa Cecilia.