Román Rodríguez destaca a "crecente relevancia" de Pontevedra e o Camiño Portugués no "panorama xacobeo"
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asegurou que tanto a cidade de Pontevedra como o Camiño Portugués teñen "un papel cada vez máis relevante no panorama xacobeo" o que se traduce nun importante incremento no número de persoas que decide percorrer este itinerario.
Segundo os datos falicilitados pola Xunta, no que vai de ano o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa sumaron máis de 90.000 peregrinos, unha cifra que se duplicou no último lustro.
Román Rodríguez participou este venres en Pontevedra na clausura de "O Camiño e os espazos naturais para nenos e nenas", un proxecto impulsado pola Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago ao abeiro de "O teu Xacobeo".
Trátase dunha iniciativa educativa, de ámbito social, destinada aos nenos de Primaria cuxa finalidade é fomentar o coñecemento do patrimonio natural, cultural e humano do Camiño de Santiago entre os máis pequenos. "A implicación das futuras xeracións é o único xeito de garantir que a Ruta Xacobea sega a ser unha gran riqueza para Galicia", destacou o conselleiro.
Durante o acto celebrado no Pazo da Cultura, o titular de Cultura e Turismo destacou "o éxito de O teu Xacobeo", o programa posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de fomentar a participación da cidadanía na celebración do vindeiro Ano Santo, e subliñou o "revulsivo" que supón para a provincia de Pontevedra, onde se desenvolven "máis de 80 proxectos grazas a un investimento de 1,2 millóns de euros".
Ademais, Román Rodríguez lembrou que, a nivel autonómico e desde que se puxo en marcha este proxecto, a Xunta promoveu xa máis de 130 proxectos.
No proxecto clausurado hoxe, que contou cunha achega por parte da Xunta de preto de 14.000 euros, participou o alumnado dos colexios Froebel e San Martiño, de Pontevedra; Rebordáns, de Tui; Outeiro das Penas, de Redondela; e Alfonso VII, de Caldas de Reis.
Relacionadas:
-
Un sapoconcho para achegar o Xacobeo e o Camiño Portugués da Costa aos escolares
Por Natalia Puga |
-
O conselleiro de Cultura recibirá a insignia de ouro dos Amigos do Camiño Portugués
Por Redacción |
-
'Cultura no Camiño' recala en Vilaboa e Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Poio impulsa varios roteiros para divulgar o Camiño de Santiago entre a veciñanza
Por Redacción |
-
O Concello lanza unha campaña para convencer os turistas de que durman en Pontevedra
Por Manu Otero |