O Sergas sae ao paso das queixas na Atención Primaria de Caldas e Cuntis
Por Oskar Viéitez
O Servizo Galego de Saúde saíu ao paso das queixas polo servizo que se presta na Atención Primaria dos concellos de Caldas e Cuntis.
Así, a administración sanitaria pública galega asegura que a prestación de Atención Primaria en Cuntis "ten o permanente seguemento e apoio" por parte da área sanitaria de Pontevedra.
Reitera que se fai "constante e diaria análise e seguemento da evolución das axendas dos profesionais" que prestan servizo de Atención Primaria en Cuntis, que teñen dispoñibilidade para atender aos pacientes da comarca.
Tamén dí que a área sanitaria de Pontevedra "planifica axeitadamente a Atención Primaria do centro de saúde de Caldas de Reis, garantindo a cobertura á poboación deste municipio".
Na actualidade, este Concello conta con 9.860 habitantes, poboación que se mantén respecto ao ano 2008 en que contaba con 9.995 persoas. Caldas de Reis conta con 33 profesionais de Atención Primaria, dos que 20 desenvolven a súa actividade no centro de saúde e 13 no Punto de Atención Continuada.
Unha vez máis o Sergas pon coma escusa que a cobertura de ausencias de profesionais está "condicionada pola escaseza de médicos de familia e pediatras dispoñibles".
NOVO CENTRO DE SAUDE
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey Rey, mantiveron unha xuntanza este venres para abordar a construción do novo centro de saúde.
No transcurso desta xuntanza, o conselleiro lembroulle ao alcalde a necesidade de que o concello poña a disposición do Sergas unha parcela que cumpra os requisitos necesarios para a construción do centro de saúde.
O terreo deberá ter unha superficie edificable de alomenos 3.000 metros cadrados para acoller o centro de saúde e o aparcadoiro en superficie. Deberá contar tamén cos accesos necesarios tanto para tráfico rodado como para peóns para o acceso dende o núcleo urbano ata o centro de saúde.
A parcela deberá ser cedida gratuitamente polo concello de Caldas de Reis e estar libre de calquera tipo de cargas ou gravames. Unha vez que o Servizo Galego de Saúde teña o terreo requerido, poderíase licitar a obra para a construción do futuro centro de saúde.
INVESTIMENTOS
O Servizo Galego de Saúde informou ademais que vén de investir máis de 1.421.000 euros nun plan de dotación de mobiliario e subministro de aparataxe asistencial, técnico e terapéutico con destino á rede de 44 centros de Atención Primaria da área aanitaria de Pontevedra e O Salnés.
A partir desta vindeira semana comeza a distribuírse nos diferentes centros un paquete de novo material de diagnóstico, dividido en seis lotes: holters de presión arterial, espirómetros, retinógrafos, ecógrafos, desfibriladores e electrocardiógrafos.
Relacionadas:
-
Cuntis volve quedar sen pediatra e pide celeridade ao Sergas para recuperar o servizo
Por Redacción |
-
Denuncian máis de oito dias de agarda para unha cita co médico de saúde en Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis considera "insuficiente" as medidas do Sergas para mellorar o servizo do centro de saúde
Por Redacción |