80 cans competirán nunha proba de agility no Recinto Feiral
Por Oskar Viéitez
Uns 80 cans procedentes de diferentes puntos de Galicia, Asturias e Portugal participarán esta fin de semana no Recinto Feiral de Pontevedra nunha proba de agility puntuable para o Campionato de España 2020 desta disciplina. O evento, organizado polo Club Agility Patas grazas á colaboración do Concello, contará coa presenza de campións de España de Agility en anos anteriores e participantes en mundiais.
A competición, que se desenvolverá en diversas categorías e graos, dará comezo este sábado, día 16 de novembro, a partires das 16.00 horas, coa seguinte orde: Grao 1 Agility, Grao 2 e Grao 3 Agility, Grao 2 e Grao 3 Jumping e Grao 0.
A actividade continuará o domingo 17 pola mañá, dende as 10.00 horas, iniciándose cos cans de Grao 1 Agility, proseguindo cos de Grao 2 e Grao 3 Agility e rematando a xornada cos de Grao 2 e Grao 3 Jumping.
As probas de agility consisten en guiar aos cans para que percorran un circuíto cheo de obstáculos no menor tempo posible e co mínimo número de erros ou faltas. O can debe comprender os sinais verbais, sonoros e xestuais do seu guía, que terá que decidir as estratexias a seguir combinando velocidade e precisión.
O concepto de agility para cans naceu en 1977, cando se propuxo a creación dunha actividade de entretemento diferente para o público que acodía a ve-las exposicións caninas en Inglaterra. A idea baseouse nas competicións de hípica.
Os percorridos de agility organízanse en pistas oficiais que deben ter unhas dimensións mínimas de 20 por 40 metros, cunha lonxitude de entre 100 e 200 metros. Dependendo da categoría na que compitan, os circuítos terán entre 15 e 22 obstáculos e o guía dispón de sete minutos para memorizar o percorrido antes do inicio da competición.
A organización da competición rexerase polo regulamento e as normas de agility da Real Sociedade Canina de España, que, entre outras cuestións, impide levar calquera tipo de elemento nas mans ou tocar aos cans e aos obstáculos. O xuíz Marc Rabada encargarase de revisar que cada pista se realice no tempo establecido e de valorar as faltas ou erros do guía ou do can.
Dentro do agility existen tres categorías: S 'Mini' (pequena), para cans con menos de 35 centímetros de altura á cruz; M 'Midi' (mediana), para os que teñen 35 centímetros ou máis e inferiores a 43 centímetros, e L 'Standard' (grande), para os de 43 ou máis centímetros.
Asemade, divídense en tres graos: Grao I, considerado o nivel básico ou elemental; Grao II, que corresponde a unha dificultade media, e Grao III, que constitúe o máximo escalafón da modalidade de Agility RSCE.
Relacionadas:
-
A Exposición Canina Nacional e Internacional regresa a Ponte Caldelas coa súa cuarta edición
Por Redacción |
-
O campo de fútbol de Marcón repetirá como circuito de Agility
Por Redacción |
-
O campo de fútbol de Marcón acollerá unha proba do campionato de España de Agility
Por Redacción |
-
Máis de 100 cans participarán na III Exhibición Canina de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
RADIO.- Podcans fala dos cachorros
Por Redacción |