A Audiencia senta no banco a varios veciños de Marín e Cambados acusados de traficar con drogas
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra sinalou para este xoves día 21 un xuízo por un delito contra a saúde pública. Xúlgase a tres veciños de Marín e un de Cambados acusados de traficar con substancias estupefacientes.
O ministerio público acusa os tres marinenses de distribuír heroína e cocaína nas localidades de Marín e Bueu e nos seus arredores, mentres que o cambadés é sinalado como o provedor das substancias estupefacientes.
A Fiscalía pide cinco anos e nove meses de cárcere para o xefe do grupo e para o provedor, ambos contan con antecedentes penais por este tipo de delitos; e pide unha condena de catro anos e medio para os outros dous imputados.
A Policía Nacional detivo estes catro individuos por mor dunha investigación desenvolta entre os meses de febreiro e maio de 2018 tras comprobar que o principal acusado A.C.L., a súa parella K.G.P. e un amigo, dedicábanse ao trapicheo de pequenas doses de cocaína e heroína.
Os axentes da Comisaría de Pontevedra tamén reuniron probas suficientes para identificar como subministrador a F.J.P.M., un veciño da parroquia cambadesa de Corvillón.
Precisamente, foron interceptados na autoestrada AP-9 á altura da peaxe de Pontevedra cando regresaban ao seu domicilio coa droga adquirida ao seu provedor no Salnés.
Nun rexistro da súa vivenda en Marín atopáronse máis substancias estupefacientes e unha pistola de fogueo. Tamén se rexistrou a vivenda do arousán na que se acharon diversas substancias estupefacientes, útiles para manipular a droga e 50.000 euros en efectivo.
Neste operativo a Policía Nacional estima que se retiraron do mercado unhas 5.000 doses de heroína e 1.200 de cocaína.