O goberno local proxecta varias naves para usos municipais no parque empresarial
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Sanxenxo está a estudar as características que deben reunir as naves que proxecta construír no parque empresarial de Nantes e destinadas á Policía Local, e os servizos de Emerxencias, praias e xardíns e obras e iluminación.
Nas últimas semanas os concelleiros tiveron a oportunidade de coñecer instalacións similares en varios concellos, O Carballiño, A Chantada e A Coruña.
Segundo informaron deste o Concello de Sanxenxo, as novas instalacións teñen que cumprir un dobre obxectivo, dotar a estes servizos de mellores e máis amplas instalacións e ademais van permitir aforrar 60.000 euros anuais no custo do aluguer das naves de servizos e nas sinerxias nos contratos de subministracións, por exemplo, o gasto de luz e telefonía.
As tres concellerías necesitan instalacións amplas, pois teñen que incluír garaxes para gardar vehículos de gran tamaño, camións, guindastres e tractores e tamén almacéns para gardar o mobiliario de praias e vías públicas.
A concellería de seguridade cidadá necesita unha sede da Policía Local 700 metros cadrados e incluirá, recepción, despachos, sala de reunións, sala de control do tráfico, baños e vestiarios e garaxe para o parque móbil.
A nave do servizo de Emerxencias debe contar con 900 metros cadrados e incluirá unha recepción, oficina, sala de reunións, ximnasio, cociña, zona de descanso, almacén taller e garaxe.
As concellerías de medio ambiente e obras e servizos demandan un espazo de 2.500 metros cadrados repartidos nas seguintes dependencias para que o servizo de praias poida gardar tractores e outros vehículos e almacenar o material que se instala nas praias e recóllese durante os meses de inverno: pasarelas, torres de vixilancia, módulos sanitarios, etc.
Igualmente, o servizo de parques e xardíns incluirá oficina, taller almacén, baños e vestiarios e un espazo exterior para un invernadoiro e un viveiro de plantas.
Finalmente, o servizo de obras, mantemento e iluminación reclama unhas dependencias na que é necesario oficina, vestiarios, almacén para gardar mobiliario urbano, como bancos, papeleiras, sinais de tráfico, lastras e outros materiais e tamén un garaxe.
Relacionadas:
-
Primeiros pasos na tramitación do complexo municipal de servizos previsto no parque empresarial de Nantes
Por Redacción |
-
O novo complexo para a Policía Local e Emerxencias de Sanxenxo terá un viveiro de empresas
Por Redacción |
-
Sete novas empresas confirman que se asentarán no parque empresarial de Nantes
Por Redacción |