Un tribunal popular xulgará a próxima semana o ex contable da confraría do Grove por apropiarse de fondos
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra sinalou para esta semana un xuízo con tribunal do xurado por un caso de malversación de fondos públicos.
A Fiscalía solicita seis anos de prisión e quince anos de inhabilitación para Fabricio F.A., o ex contable da confraría de pescadores San Martiño, do Grove, acusado de apropiarse de 505.000 euros do pósito.
A confraría, o propio ministerio fiscal e a aseguradora Allianz S.A. tamén sinalan como responsables civís subsidiarios ás dúas entidades bancarias Banco Santander e Caixabank, das que sacou o diñeiro pertencente ao colectivo.
O caso procede do Xulgado de Instrución número 1 de Cambados e os feitos que se van a xulgar, tiveron lugar hai case unha década. A Audiencia citou a declarar unha trintena de testemuñas.
O escrito de acusación da Fiscalía sostén que o acusado "obrando con ánimo de ilícito enriquecemento, faltando ao deber de lealdade para coa confraría da que era empregado e aproveitando a circunstancia de ter acceso ás caixas e contas bancarias, concibiu o plan de ir facendo súas paulatinamente diversas cantidades de euros durante os anos 2009 e 2010, logrando incorporar ao seu patrimonio un total de 505.515,83 euros".
O acusado no momento de cometerse os feitos estaba afectado do trastorno do control de impulsos coñecido como ludopatía, tendo intactas as súas capacidades intelectivas ou de entender, aínda que tiña limitadas as súas capacidades de actuar conforme á devandita comprensión, é dicir, volitivas ou de querer, exclusivamente no referente aos xogos de azar.
Ao saberse descuberto o acusado pediu unha baixa por depresión e antes de que se iniciase contra el un procedemento xudicial por estes feitos confesou perante o xulgado de instrución número 1 de Cambados.
Relacionadas:
-
O xurado declara ao ex contable da confraría do Grove culpable de apropiarse de cartos do pósito
Por Oskar Viéitez |
-
Caixabank recoñece unha actuación neglixente e abona 210.000 euros apropiados indebidamente á Confraría do Grove
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A imposibilidade de configurar o xurado obriga a suspender o xuízo ao excontable da Confraría do Grove por malversación
Por Manu Otero |