A Xunta premia os institutos de Vilalonga e Bueu polos seus traballos contra a violencia de xénero
Por Oskar Viéitez
O IES de Vilalonga, en Sanxenxo, e o IES Illa de Ons, en Bueu, veñen de ser premiados no concurso de imaxes e pezas audiovisuais convocado pola Xunta con motivo da conmemoración o próximo 25 de novembro do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Os traballos foron avaliados por un xurado composto polos integrantes da comisión asesora de publicidade non sexista, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Educación, que vén de facer público o seu fallo.
No apartado de imaxe gráfica, o segundo premio da primeira categoría recaeu nun grupo de alumnos de 1º da ESO do instituto Illa de Ons.
No apartado de peza audiovisual o primeiro premio da primeira categoría foi para unha clase de 2º de ESO do IES Vilalonga.
O obxectivo do concurso é promover a reflexión sobre a loita contra a violencia de xénero dentro dos centros educativos de Galicia, a través dunha acción que fomente a participación cidadá no rexeitamento público e frontal contra a violencia machista e sensibilizar sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade entre mulleres e homes.