Inicio das obras da senda PO-309 entre Portosanto e o enlace á autoestrada AP-9
Por Redacción
Este luns deron inicio os traballos da nova senda que dotará de maior seguridade viaria ao tramo da PO-309 que une Portosanto co enlace á autoestrada AP-9 en Poio.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e o voceiro do PP, Ángel Moldes, asistiron ao inicio desta obra.
Trátase dun contrato derivado do Plan de Sendas desta Consellería de Infraestruturas que permitirá garantir a mellora da seguridade viaria dos peóns, tal e como demandaron os veciños da zona.
O proxecto, que roldará os 49.000 euros co IVE incluído, suporá a instalación de 14 novas luminarias e a mellora dos pasos de peóns.Tamén, como complemento, estenderase unha senda por unha beira dos carrís de xeito que os peóns poidan ir andando con maior seguridade.
Esta obra atópase inmersa dentro da estratexia en materia de mobilidade alternativa na comarca de Pontevedra da Axencia Galega de Infraestruturas, que ten como obxecto identificar e planificar os tramos de sendas peonís o ciclistas necesarios para mellorar a mobilidade sostible nesta comarca.
O itinerario proxectado comeza na rotonda de acceso á Lourido e remata preto do acceso á autoestrada AP-9, cun itinerario de 450 metros de lonxitude.