Escolares das Doroteas asisten por primeira vez a un pleno municipal
Os políticos da corporación municipal contaron este luns cun selecto público no patio de butacas do Teatro Principal.
Nenos e nenas de segundo de Primaria do colexio Doroteas de Pontevedra, acompañados polos seus profesores, asistiron á sesión plenaria para coñecer como é o funcionamento da administración municipal.
Tras ser saudados polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao que recibiron cun sonoro "Ola, Miguel", asistiron a parte do pleno cunha atención exquisita e interesáronse por algunhas das cuestións que se estaban debatendo.
Esta actividade forma parte do traballo que están a realizar estes días no colexio para aproximarse ao día a día do Concello de Pontevedra.