Ponte Caldelas aprobará este martes o anteproxecto da futura estación termal
Por Redacción
Un informe de Augas de Galicia provocou que o proxecto da estación termal que proxecta Ponte Caldelas nos terreos do antigo balneario teña cambiado lixeiramente.
O goberno municipal asegura que, de xeito consensuado cos técnicos deste organismo, cambiouse o proxecto inicial e se desprazará o edificio uns metros para evitar unha zona na que non se podía construír, intercambiando a situación das pozas e do edificio.
O motivo é que esa zona é, segundo Augas de Galicia, un ámbito de fluxo preferente sobre o que non se pode edificar ningunha construción.
Ponte Caldelas celebrará este martes un pleno urxente para aprobar o anteproxecto de construción deste equipamento, que terá un edificio de 1.200 metros cadrados, con pozas exteriores e piscinas interiores e que busca recuperar a tradición e o prestixio termal da vila.
Para o alcalde Andrés Díaz, este proxecto será un "gran potencial" para o municipio e será unha actuación "modesta" que estará "moi lonxe dos castelos" que propoñían outros partidos políticos e que será "moito máis rendible".
O estudo de viabilidade económico-financeira estima que a instalación arrancaría con 25.000 visitantes o primeiro ano e alcanzará os 50.000 ao quinto.
As previsións económicas prevén un balance positivo dende o primeiro momento, que superaría os 100.000 euros a partir do cuarto exercicio.
Estímase a contratación de cinco traballadores, ademais dunha empresa de limpeza.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas modificará o proxecto da estación termal para ter o visto bo de Augas de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
Primeira xuntanza do novo goberno de Ponte Caldelas coa vista posta na estación termal e na atención ao rural
Por Redacción |
-
Retiran vexetación invasora da leira do balneario
Por Redacción |