Galicia avanza na depuración das augas e o control dos vertidos
Por Redacción
A nosa comunidade ten unha relación especial coa auga. Máis aló dos tópicos do carácter galego marcado pola choiva, a auga determina unha economía verde nun territorio surcado por múltiples ríos e que mira cara ao mar.
Sectores como a pesca, o marisqueo, a acuicultura, a agricultura ou mesmo o turismo, dependen deste recurso. Por iso é tan importante salvagardar o bo estado das augas, con actuacións para preservar o medio natural e asegurar a saúde pública.
Con eses fins, e para cumprir a normativa europea na materia, o Goberno galego fixo do correcto saneamento e abastecemento da auga un dos seus obxectivos estratéxicos ao longo da última década. Nestes dez anos investiu máis de 1.100 millóns de euros en obras hidráulicas, que permitiron levar a cabo 350 actuacións de saneamento dos que se beneficiaron 165 concellos.
AVANCES NA DEPURACIÓN DAS AUGAS
As augas residuais deben ser sometidas a un tratamento de depuración antes de ser vertidas. A finalidade é reducir ao máximo posible a carga contaminante do vertido e contribuír a acadar os obxectivos medioambientais das masas de auga receptoras. Este paso reviste dunha grande importancia, e é imprescindible para preservar a calidade dos nosos ríos, rías, encoros e mares.
Como consecuencia das diferentes actividades humanas, xéranse unha serie de augas residuais que representan un perigo sanitario e ocasionan un gran problema para a súa eliminación. Estas augas residuais teñen diferentes orixes: as chamadas augas negras, procedentes dos domicilios particulares, de empresas e edificios públicos; augas grises, producidas polas actividades industriais; augas brancas e de infiltración, xeradas pola escorrentía da auga da chuvia; e as augas residuais, vertidas polas explotacións gandeiras, principalmente as estabuladas.
Hai 30 anos, en Galicia só había 5 depuradoras activas. O resto das augas residuais vertíanse de xeito directo ou cun simple pretratamento. Hoxe, dispoñemos de 148 depuradoras totalmente operativas, das cales moitas foron construídas nos últimos 10 anos.
Para garantir que estes inxentes investimentos realizados en materia de saneamento sigan sendo eficaces durante toda a súa vida útil, a Xunta tamén realiza labores de vixilancia, inspección e asesoramento das instalacións que lle son entregadas aos concellos.
PLAN DE CONTROL DE VERTIDOS
Nas Estacións de Depuración de Augas Residuais (EDAR) as augas residuais sométense a diferentes tratamentos mediante os cales elimínanse sólidos, materia orgánica e, no caso de verter a unha zona sensible, nutrientes. As veces tamén é necesario reducir os contaminantes bacteriolóxicos, de cara a contribuír á boa calidade dos lugares de baño e das zonas de produción de moluscos.
Para garantir a óptima aplicación das diferentes medidas de depuración, a Xunta desenvolve o Plan de control de vertidos, para loitar contra os aportes contaminantes ao dominio público hidráulico e desde a terra ao mar.
Froito desta actividade de control, emendáronse máis de medio milleiro de vertidos contaminantes ao dominio público marítimo-terrestre, dos cales a meirande parte foron emendas de vertidos nas rías.
Tendo en conta que a maioría da poboación de Galicia está asentada na franxa costeira, é salientable o dato de que na actualidade o 90% das aglomeracións urbanas cumpren a directiva europea en materia de depuración de augas residuais, pasando dun cumprimento do 50% en 2007 ao 90% actual.
REFORZO DE AUGAS DE GALICIA E APOIO OS CONCELLOS
Malia estes bos datos, a Xunta é consciente de que queda moito traballo por facer para conseguir o grande obxectivo de lograr o saneamento integral das rías e dos ríos galegos.
Por este motivo, Augas de Galicia, a entidade que asume o conxunto da Administración Hidráulica de Galicia, disporá o vindeiro ano dun orzamento que medra nun 10 % e suma máis de 100 millóns de euros para reforzar o apoio aos concellos nas súas competencias de saneamento e abastecemento. Esta colaboración cos entes locais servirá para responder mellor ás demandas da poboación, dado o contacto máis directo dos concellos coa cidadanía, e para iso contará con partidas que suman máis de 70 millóns de euros.
No tocante a Pontevedra, realizaranse actuacións de mellora da depuradora de Praceres e do emisario submarino, superando así os 28 millóns de euros mobilizados só na depuración da ría de Pontevedra. O saneamento integral da ría é unha das principais prioridades do Goberno galego para os próximos anos en materia de actuacións hidráulicas. Por este motivo, dende finais de 2015 constituíuse unha mesa de traballo na que están representados tanto os concellos da ría como os mariscadores e na que se informa de cada paso previsto no proceso.
Este plan inclúe a necesidade de acometer outras actuacións, entre elas a mellora das redes de saneamento municipais polas que se producen infiltracións indebidas. Precisamente Augas de Galicia vén de detectar que máis da metade das depuradoras que xestionan os concellos galegos teñen un funcionamento deficiente.
A ‘SOGAMA DA AUGA’
Para mellorar esta situación, e dada a dificultade técnica e económica dos concellos para a xestión das súas infraestruturas hidráulicas, a Xunta está a impulsar unha sociedade pública de xestión do ciclo da auga. Este organismo axudará aos municipios, especialmente os máis pequenos e con maiores dificultades de xestión, a exercer de forma axeitada as súas competencias municipais sobre saneamento e depuración.
Co novo ente, a Xunta quere apoiar ás entidades locais na correcta explotación e mantemento das obras xa feitas, ofrecer uns servizos de calidade á poboación e contribuír, de xeito eficaz, á consecución dos obxectivos ambientais, como o saneamento integral das rías.
Nestes días, o Goberno galego está a presentar aos profesionais do mar o proxecto da chamada ‘Sogama da auga’, que se materializa neste novo organismo e ten entre os seus obxectivos facilitar a actividade pesqueira, marisqueira e da acuicultura, ao mellorar a calidade das augas.
Esta sociedade pública segue o modelo do organismo xa consolidado no tratamento dos residuos sólidos urbanos. A ‘Sogama da auga’ apoiará aos concellos no ciclo integral da auga, para que teñan una explotación profesional dos seus servizos hidráulicos, abaraten custos e garantan a calidade das prestacións.
Nesta sociedade participarán a Xunta, de xeito maioritario, os Concellos, que son os competentes na prestación destes servizos, e as Deputacións provinciais, a quen a lei lles reserva o papel de coordinación cos municipios de menos de 20.000 habitantes.