Convocada unha folga na Atención Primaria
Por Oskar Viéitez
A Asemblea de Áreas Sanitaria (AAS) de facultativos de Atención Primaria ten convocada unha folga neste ámbito en toda Galicia para as xornadas do mércores 27 e xoves 28 de novembro, dirixida a médicos de familia e pediatras de Atención Primaria.
Esta convocatoria está xustificada polo "gran malestar entre os profesionais sanitarios dos Centros de Saúde pola deterioración das condicións do traballo asistencial, relacionadas coa mala xestión, a carencia de recursos e a falta de decisión da actual Administración de poñer en práctica as recomendacións internacionais sobre o papel da Atención Primaria no sistema sanitario".
Estes profesionais aseguran que "seguimos sobrecargados, sen poder prestar a atención debida aos nosos doentes, sobrevivindo a un verán cheo de ausencias e preparándonos para un ano no que as xubilacións non van ser compensadas con novas incorporacións".
"Seguimos asistindo a unha xestión desligada da realidade e a unha completa ausencia de medidas que aborden o problema. Fixemos unha folga de seguimento maioritario o 19 de Xuño e non fomos escoitados", engaden.
Por todo isto, "vémonos na obriga" de convocar unha folga o 27 e 28 de novembro coa seguinte táboa reivindicativa: En primeiro lugar, que a Xerencia de Atención Primaria recupere a estructura de xestion de atención primaria en 3 meses.
Tamén esixen tempo para atención ó paciente limitando o número de citas a 30 por día.
Queren "estabilidade e non precariedade" coa oferta e convocatoria de "todas" as vacantes de "todas" as categorias mediante unha Oferta de Emprego Público, e a cobertura do 100% das ausencias de "todas" as categorias.
Ademáis, piden un "orzamento específico e propio" de Atención Primaria ata acadar o 25%, a razón dun incremento mínimo anual de 3 puntos porcentuais.
E finalmente, reivindican unha "Atención Homoxenea" en todas as áreas sanitarias para garantir a derivación de presenza física a todos os servizos hospitalarios, a teleconsulta en todos os servizos hospitalarios e resposta en menos de 7 días e o acceso a todas as probas diagnósticas.