Once menores de Pontevedra agardan por unha familia de acollida
Por Redacción
Familias galegas teñen acollidos actualmente a 221 nenos e nenas que, por diferentes motivos, non poden estar cos seus pais e nais. 54 deles están en Pontevedra. Pero a falta de familias que queiran asumir temporalmente a custodia destes menores fai que moitos deles sigan esperando un novo fogar.
Segundo os datos que facilitou Cruz Vermella, ata once menores pontevedreses están á espera de acollemento.
Por iso, con motivo do Día Universal dos Dereitos da Infancia, que se celebra este venres 20 de novembro, a entidade lembra a importancia de ampliar a rede de familias acolledoras, xa que cantas máis incorporacións haxa máis posibilidades haberá de atopar a alternativa axeitada para cada menor.
A campaña xirará ao redor de varias historias ilustradas que teñen como protagonistas a menores que están a ser acollidos por diferentes acolledores. Estas historias permitirán abordar distintos momentos do acollemento e facelo desde múltiples perspectivas.
A primeira historia que verá a luz será a de Antía, unha nena de 6 anos, que pasa de estar nun centro para vivir cunha familia acolledora. Así mesmo, a campaña conta con diferentes materiais e, desde a súa posta en marcha e en fases sucesivas, desenvolveranse actividades en diferentes localidades galegas e un concurso de debuxo ou accións de carácter online.
Cruz Vermella conta en Pontevedra cun equipo específico que se centra nos acollementos en familia allea, é dicir, persoas que non teñen unha relación de parentesco cos menores.
O obxectivo deste programa é proporcionar unha atención temporal a aqueles menores en situación de risco, desamparo ou desprotección social, tutelados ou en garda pola Xunta de Galicia, nun ambiente familiar normalizado e alleo á súa familia de orixe, por carecer dela ou porque, nestes momentos, non sexa adecuada para coidarlles.
Calquera persoa, matrimonio ou parella de feito, con ou sen fillos, pode ser familia acolledora, destaca Cruz Vermella, que sinala que o primeiro paso é informarse e, posteriormente, aquelas persoas que estean realmente interesadas iniciarían o proceso de idoneidade.
Relacionadas:
-
Cruz Vermella e Concello exploran "sinerxias de colaboración" no ámbito dos servizos sociais
Por Redacción |
-
Cruz Vermella distribuirá alimentos entre 2.652 persoas en Pontevedra
Por Redacción |
-
Cruz Vermella ensinará aos avós a coidar dos netos
Por Redacción |
-
Cruz Vermella Mocidade conta con 109 persoas novas voluntarias en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |