VÍDEO.- O Concello asegura que a empresa que organizou os concertos da Pedreira garantiu seguridade e acceso aos veciños
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra respondeu este martes, a preguntas de PontevedraViva, á polémica xurdida pola presentación por parte dun grupo de veciños da contorna da praza da Pedreira dunha querela pola forma na que se organizaron o pasado mes de setembro concertos do ciclo Cantos na Maré.
O goberno local está a solicitar información para responder á crítica veciñal, pero, de momento, xa asegura que a empresa organizadora garantía a seguridade e o acceso a todos os veciños.
A querela relata que dúas familias as noites do 13 ao 14 e do 14 ao 15 de setembro non puideron chegar ás súas propiedades por ningún dos tres accesos á praza e os denunciantes achegan un atestado da Policía Local que recolle literalmente: "podemos comprobar que se atopa a praza totalmente pechada con valos metálicos (...) o único acceso que tería o veciño sería a través da entrada de público na rúa César Boente". Nesa entrada non lle deixaron pasar porque non pagara a entrada.
Con todo, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, insiste en que iso non é así, senón que no seu día o Concello falou coa empresa organizadora e esta aseguroulles que se "garante tanto a seguridade como o acceso ás vivendas", que si é certo que as familias non podían acceder por algún dos lados da praza, pero si había un polo que ese dereito de chegar ás súas casas estaba asegurado. Sostén, ademais, que hai outros informes policiais que así o sosteñen.
Respecto diso, a querela que xa investiga o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra incorpora unha serie de fotografías e vídeos como os que acompañan esta información nos que os veciños sinalan que non se ve que ese acceso estea garantido.
A concelleira de Cultura explica que a empresa garantiu ao Concello que había gardas de seguridade nos accesos que estaban pechados con valos e que estes permitían entrar aos veciños da zona, pero nos vídeos e fotos non se ven e os querelantes insisten en que en ningún momento das dúas noites de concertos houbo eses gardas nos accesos polas rúas Pai Isla e Pedreira. Si había seguridade na entrada á praza desde César Boente, pero porque era unha entrada de acceso ao público do concerto pola que eles non puideron entrar ao non ter entradas para as actuacións.
Carmen Fouces lembrou que moitos espazos públicos da cidade acollen concertos e explicou que o Concello está a reunir toda a información sobre estas actuacións en particular e sobre a queixa veciñal e falará coa empresa organizadora. No caso de que fose necesario depurar responsabilidades porque se incumpriu algún deses requisitos de garantir a seguridade e o acceso aos veciños, asegura que "faríase, por suposto".
A querela preséntase por impedir o acceso dos veciños ás súas casas e tamén polo nivel dos ruídos dos concertos, pois aseguran que "superaron con moito os 55 decibeis permitidos" pola Ordenanza Municipal de Protección do Medio Ambiente contra a Contaminación Acústica e causaron "molestias á totalidade dos veciños do lugar", unha vintena. Ademais, engaden que un dos días a música seguía á unha e media da madrugada (e corrobórano cun vídeo) a pesar de que os concertos supostamente acababan á unha.
Respecto diso, no citado informe da Policía Local, ao que tivo acceso este xornal, recolle que o volume de decibeis que se escoitaba "é o propio dun concerto (moi alto)". Aínda que os veciños pediron aos policías que realizasen medicións de ruídos, non se puido por falta de medios. "Informámoslle que non dispoñemos de medios técnicos para realizar tal medición", recolle o documento.
A concelleira de Cultura nega que haxa falta de medios, senón que explica que os medidores homologados para realizar esas medicións non están en mans da Policía Local senón do departamento municipal de Disciplina Urbanística porque para usalos é necesario ter unha formación determinada que non ten os axentes, senón os técnicos dese servizo. Eses equipos de utilizan cando é necesario, pero non os policías, que se limitan a acompañar aos técnicos.
Ademais desta querela, os veciños afectados xa presentaran o pasado 20 de setembro un escrito de queixa no rexistro municipal do que aínda non tiveron resposta. Carmen Fouces asegura que están a reunir a información necesaria e responderán aos veciños. Nesa queixa, os afectados non se queixan pola organización da actividade, senón pola forma en que se organiza e pola a falta de información, pois manteñen que "non se lles notificou que os accesos á súa vivenda ían ser pechados".
A querela, á que tivo acceso PontevedraViva, non vai dirixida a ninguén en concreto, senón ás persoas que un expediente administrativo do Concello de Pontevedra determine que son responsables dos feitos relatados: "a autoridade que concedeu autorización e a persoa física ou xurídica responsable da ocupación do espazo público". Os demandantes consideran que os feitos relatados serían constitutivos de tres delitos: dous de coaccións (un deles agravado) e un contra o medio ambiente.