'Rompe tu silencio', o vídeo da Garda Civil para sensibilizar o alumnado sobre a violencia contra a muller
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Maica Larriba, subdelegada do Goberno, presidía este mércores o acto que tiña lugar na comandancia da Garda Civil de Pontevedra para presentar o vídeo elaborado para a campaña contra a violencia de xénero. Baixo o título 'Rompe tu silencio'. este traballo audiovisual no que participaron axentes do corpo distribuirase tanto en redes sociais como nos centros escolares.
Coa curtametraxe, que conta con dúas versións, reforzaranse as charlas informativas que o persoal da Garda Civil realiza dentro do marco do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros educativos e a súa contorna.
Neste sentido, o coronel xefe da comandancia Simón Venzal sinalaba que xa teñen programadas 150 charlas en centros escolares durante o primeiro trimestre de 2020. Con este vídeo, explicaba Maica Larriba, téntase trasladar aos menores que determinadas situacións que se poden vivir a diario nas súas casas recollen elementos de violencia real, que se considera normal. A subdelegada apuntaba a que é necesario que entre a poboación infantil detéctase que tamén é violencia a perda de visibilidade, de liberdade e de habilidades que moitas mulleres sofren no día a día e que vai minando as súas capacidades. Por este motivo felicitou á Garda Civil polo traballo no que se convida a romper co silencio.
Ademais, incidiu na necesidade de centrarse na infancia e na mocidade xa que é un tramo de idade no que se recollen tamén datos preocupantes. Explicou que no segundo trimestre deste ano xulgáronse a 79 menores en España por casos de violencia de xénero, un 12% máis que en 2018.
En Galicia, entre abril e xuño, foron 4 os menores de 18 anos que tiveron que someterse a procedemento xudicial por violencia contra as mulleres. Por este motivo, a subdelegada apuntou a necesidade de prestar atención a todos os tramos de idade e, sobre todo, instou á sociedade a educar e a estar alerta ante os casos que se poden rexistrar. "Non podemos baixar a garda", indicou Maica Larriba.
Ao acto asistiron tamén Luciano Sobral, alcalde de Poio; a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares; ademais da guionista do vídeo Milagros Domínguez e a directora Pilar Reñones, que recibiron un distintivo por este traballo.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- "Como pais, non só podemos, senón que temos a obriga de controlar as redes sociais dos nosos fillos"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Os relatos e as pinturas infantís tamén axudan a concienciar na loita contra a violencia de xénero
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O municipio xa viste de negro contra a violencia machista
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
33 denuncias por violencia de xénero na provincia durante a primeira quincena de novembro
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A Deputación e a Garda Civil, premiadas polo seu compromiso fronte á violencia machista
Por Redacción |