Animan a recorrer á mediación para evitar o colapso dos xulgados galegos
Por Redacción
Os colexios profesionais galegos animaron ás autoridades a potenciar o uso dos sistemas de mediación de forma que particulares e empresas poidan resolver os seus conflitos e se alivie a situación de colapso e saturación que se rexistra en moitos xulgados de Galicia.
Así o destacou en Pontevedra o presidente da Unión Profesional de Galicia, Antonio Macho Senra, que presentou a nova edición da Guía de peritos xudiciais e mediadores de Galicia 2019, acompañado polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín.
Este colectivo, que representa a 40 colexios profesionais de Galicia e a unha trintena de profesións vinculadas a outras tantas titulacións universitarias, quere ser "protagonista", segundo o seu presidente, na resolución destes conflitos e evitar que as partes "na medida do posible" cheguen aos tribunais.
A este respecto, Antonio Macho recomendou "profundar" nas posibilidades da mediación como "modelo para resolver os conflitos a través do entendemento" e lembrou que, en todo caso, esta vía debe ser de carácter voluntario.
Os mediadores profesionais, vinculados aos colexios profesionais, "cada vez son máis protagonistas nunha sociedade que debe apostar polo entendemento e fuxir da vía xudicial para casos que poden resolverse co diálogo", engadiu.
O director xeral de Xustiza celebrou que os profesionais colexiados se ofrezan a "liderar" a mediación en Galicia ao entender que, máis aló da propia xustiza, son os que mellor poden resolver estes conflitos.
A Guía de peritos xudiciais e mediadores de Galicia 2019, que cumpre a súa novena edición, será distribuída en órganos vinculados á carreira xudicial, en administracións públicas e nos colexios profesionais.
Contén referencias duns 2.000 colexiados pertencentes a unha trintena de titulacións que manifestaron a súa dispoñibilidade para actuar como peritos xudiciais e por primeira vez inclúe aos mediadores profesionais de Galicia, que están dados de alta no Rexistro de Mediadores e Institucións de Mediación do Ministerio de Xustiza.
Esta publicación, segundo Juan José Martín, é tamén un "instrumento útil" ao que poden recorrer os xulgados galegos cando precisen "auxilio pericial" nos asuntos "cada vez máis complexos" que chegan aos tribunais e que, defendeu, requiren de coñecementos científicos, técnicos e prácticos para que o xuíz faga unha "correcta valoración" do caso.