Sanxenxo e Lalín participan na Semana Europea de Prevención de Residuos da man de Sogama
Os concellos pontevedreses de Sanxenxo e Lalín decidiron participar na Semana Europea da Prevención de Residuos 2019, que arrincou o pasado día 16 e estenderase ata o próximo 24 de novembro, e faranno a través dunha campaña promovida por Sogama baixo o título "Corta polo san! Reduce residuos".
A pretensión da mesma non é outra que instruír aos cidadáns nas boas prácticas vinculadas á redución de residuos e a reciclaxe, e crear conciencia en torno á necesidade de que todos, administración, empresas e veciños, participemos activamente na xestión sostible dos residuos urbanos para que estes, lonxe de ser un problema, se convertan nunha oportunidade. Desta forma daráselles unha nova vida e evitarase o exacerbado consumo dos xa escasos e limitados recursos naturais.
As dúas sesións informativas e formativas terán lugar o xoves 21 de novembro. Pola mañá en Lalín, ás 12:00 horas, na Sala de Prensa do Concello. En Sanxenxo celebrarase durante a tarde, ás 20:00 horas, na Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo.
En ambos os dous municipios, as xornadas están abertas a toda a veciñanza.
Técnicos de Sogama serán os encargados de explicar aos asistentes as razóns polas cales a elevada xeración de lixo debe preocuparnos, que medidas adoptar para levar a cabo un consumo responsable e consciente, como facer unha compra racional que permita minimizar refugallos e que xestos e comportamentos deben poñerse en marcha para evitar ou reducir a xeración de lixo en distintos escenarios da vida cotiá como o traballo, o fogar, a compra ou o tempo de lecer.
POÑER FREO AO DESPERDICIO
Entre outras cuestións, falarase do desperdicio alimentario, sendo elevado nos fogares, onde unha alta porcentaxe de comida acaba arroxada ao cubo do lixo, especialmente produtos como o pan, froitas, verduras e hortalizas.
Proporcionaranse sinxelas claves para facer fronte a un fenómeno que preocupa, toda vez que no mundo se perde ou desperdicia un terzo dos alimentos que se producen para o consumo humano.
Neste sentido, chamarase a atención sobre o feito de que, cando tiramos un alimento, non só producimos un residuo, senón que malgastamos os recursos que se investiron para o seu cultivo, transporte e comercialización como auga, enerxía, combustible, terra e traballo dos agricultores.
Facer unha lista da compra, revisar a neveira e despensa para consumir antes os produtos máis antigos, facer un oco na cesta da compra para os alimentos feos, coas mesmas propiedades que os guapos, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para a elaboración de novos menús, constitúen exemplos do sinxelo que pode resultar contribuír a minimizar o desperdicio alimentario.
Abordarase tamén a contaminación por plásticos, a correcta separación de residuos en orixe para propiciar o seu reciclado, e reservarase igualmente un espazo para explicar as bondades de poñer en valor a materia orgánica a través da compostaxe.
Os asistentes recibirán unha bolsa de tea reutilizable e obxectos de merchandising reciclados.