Pedirán a Fomento que rebaixe a velocidade a 50 km/h na N-541 ao seu paso por Folgoso
Por Redacción
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade e a concelleira Lourdes Ovelleiro comprometíase ante a veciñanza da parroquia de Folgoso a presionar o Ministerio de Fomento para que se tomen medidas de seguridade viaria na estrada N-541 entre os quilómetros 60 e 61.
Trátase dunha zona na que se rexistran numerosos accidentes. Desde o goberno local reclámase a Fomento que reduza a velocidade máxima a 50 km/ h. nese tramo e o pintado dunha liña continua que evite as manobras de adiantamento, causa habitual de sinistros na zona.
Tamén se tratou a petición veincal de ampliar as beirarrúas entre Covas e Cachofés. A solicitude tramitarase ante o Goberno central e ademais trasladarase tamén o problema de telefonía que se rexistra en tres vivendas despois do accidente que sufría un camión dos eólicos nesa contorna. O alcalde tamén se comprometeu a xestionar con Telefónica unha solución urxente para esa liña.
Ademais, os representantes do goberno local apuntaron outras demandas para tentar dar saída nos próximos meses como a mellora de pistas municipais, a canalización de augas pluviais ou a incorporación á rede de compostaxe.