Confirman os tres años de cárcere ao funcionario da Subdelegación que cobrou por permisos de residencia
Por Redacción
A xustiza rexeitou o recurso presentado polo funcionario da Subdelegación do Goberno en Pontevedra que, segundo a sentenza da Audiencia Provincial, cobrou diñeiro por tramitar permisos de residencia en España.
A sala do civil e penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou a súa apelación e, por tanto, confirma a pena de tres anos de cárcere para el como autor dun delito continuado de suborno.
Ademais, foi sentenciado ao pago dunha multa de 5.400 euros e a sete anos de inhabilitación para emprego ou cargo público.
Os maxistrados do TSXG lembran que o xurado declarou probado que o acusado, na súa condición de funcionario, iniciou, tramitou e finalizou tres expedientes de petición de autorización de residencia de longa duración, residencia temporal e residencia de familiar comunitario.
A pesar de que non tiña dereito a recibir retribución de ningún tipo por parte das persoas solicitantes, pediulles distintas cantidades de diñeiro e recibiunas en dúas desas ocasións.
O TSXG subliña que o "esforzo argumental" do funcionario limítase a "discrepar sen máis" da sentenza, sen acreditar que haxa erros en documentos ou probas periciais.
Así, os maxistrados do alto tribunal galego rexeitan "de plano" os motivos de apelación presentados polo acusado e acordan confirmar a sentenza contra el.
Relacionadas:
-
Tres anos de cárcere e sete de inhabilitación para o funcionario que pedía "regalitos"
Por Redacción |
-
O xurado declara culpable ao funcionario acusado de pedir "regalitos" a cambio de permisos de residencia
Por Natalia Puga |
-
Un funcionario da Subdelegación do Goberno proclama a súa inocencia ante o xurado que o xulga por suborno
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |