O transporte urbano de Pontevedra queda "moi lonxe", segundo o PP, de cidades similares
Por Redacción
O acordo alcanzado polo Concello e a Xunta de Galicia para que Pontevedra conte con transporte urbano parece non satisfacer do todo ao Partido Popular. Celebran que o goberno municipal asumira "dunha vez" as súas competencias, pero aseguran que o proxecto queda "moi lonxe" do que ofrecen outras cidades galegas de tamaño similar.
O portavoz popular Rafa Domínguez lamenta que Pontevedra vaia a ter "apenas" dúas liñas de transporte con frecuencias cada media hora e cun percorrido "moi limitado". Lembra que municipios como Lugo "de dimensións e poboación similar" á Boa Vila ten autobuses cada dez minutos e unha cobertura territorial "moi superior".
Domínguez destacou que "xa era hora" de que o goberno municipal impulse o seu propio transporte urbano, despois de dúas décadas "negando unha realidade" e asegurando que estes autobuses "non eran necesarios". Isto supuxo, dixo, que a cidade carecese ata o de agora dun servizo "asequible e de calidade".
"O BNG non ofreceu nin unha soa alternativa ata que veu a Xunta e deu un golpe na mesa", engadiu o dirixente do PP.
De cara o futuro, o líder dos populares pontevedreses espera que a adhesión ao plan de transporte metropolitano da Xunta "non tarde outros vinte anos", de forma que os veciños de Pontevedra se poidan beneficiar dos descontos que ofrece este programa.
Entre as vantaxes de sumarse a este plan, lembra Domínguez, atópanse descontos, transbordos gratuítos, viaxes gratis para menores de 19 anos ou bonificacións para xubilados, usuarios recorrentes e familias numerosas.