A activista trans Ada Otero formará á Policía Local no tratamento das vítimas de LGTBIfobia
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Pontevedra recibirán un curso orientado á formación en tratamento das vítimas de LGTBIfobia e de delitos de odio. A activista trans Ada Otero, avogada especializada en violencia machista e en temas relacionados co xénero, será a encargada de ofrecer este curso, de tres horas de duración, na aula de Formación da Policía Local o vindeiro 27 de novembro.
Ada Otero realizará unha introdución sobre a diversidade sexual e de xénero; o colectivo LGTBI analizando cada unha das siglas e os prexuízos que se derivan da LGTBIfobia en relación ás agresións que sofren. Ademais, a avogada falará tamén da desprotección xurídica que padecen; da inapropiada difusión que se fai dos seus comunicados e como deben actuar os axentes no caso de que se produzan denuncias por parte de persoas integrantes deste colectivo.
A formadora explica que é necesario tratar problemáticas coas que a Policía Local se pode atopar no día a día e con esta xornada coñecerán os mellores métodos para enfrontarse a estas situacións.
Paloma Castro, concelleira de Igualdade, indica que esta actividade, promovida a través da iniciativa Pinto e Maragota, se destina tanto a persoal da Policía Local como para integrantes do Centro de información á Muller (CIM) e dos Servizos Sociais do Concello. A intención é poñer especial atención a como tratar ás vítimas dos delitos de odio e analizar todos os dereitos do colectivo LGTBIQ+.
Relacionadas:
-
O congreso 'A diversidade sexual e de xénero nas aulas' reunirá a 250 persoas en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Policía Local fórmase en diversidade sexual e de xénero para combater a LGTBIfobia
Por Redacción |
-
O Concello promove unha enquisa en centros educativos para saber se existe LGTBIfobia
Por Redacción |