A fusión barroca entre oriente e occidente triunfa en Debut 2019
Por Redacción & Cristina Saiz
Vinte deseñadoras participaron na pasarela Debut 2019, que se celebrou este xoves no Recinto Feiral de Pontevedra e na que as alumnas da última xeración da Esdemga e da primeira promoción do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda mostraron as coleccións profesionais coas que se estrean na súa carreira.
Entre todas elas, o xurado concedeu a Inmaculada Rodrigues e a súa colección Herencia o primeiro premio da décimo terceira edición desta pasarela. Definida como unha "fusión entre oriente e occidente", a proposta gañadora caracterizábase pola combinación de fórmulas volumétricas barrocas coa influencia oriental que representaba o quimono.
Rodrigues, integrante da primeira promoción de tituladas no mestrado que se imparte na Facultade de Belas Artes, valeuse de tecidos antigos, tapices ou sabanas do século XIX que tiña na súa propia casa para dar forma á súa colección.
"Teño a sorte de ter un pai moi coleccionista, que vai de anticuario en anticuario, e avoas con moito gusto por este tipo de cousas", recoñece a gañadora de Debut, que empregou estas 'herdanzas' para dar forma a unha colección "barroca", que xurde do seu gusto "pola escultura e polas formas arquitectónicas", pero tamén de influencias orientais.
Nese senso, Rodrigues ve neste premio, "unha meta que non agardaba", un aliciente para continuar traballando, "no que me gusta, que é esa fusión barroco-oriental, que ao mellor pode ser unha vía de traballo para futuras coleccións".
O segundo premio de Debut 2019 foi para a colección A la sombra de las luces de Laura Murillo e o proxecto Novaya Zemlya de Miriam Otero recibiu un accésit. O galardón á colección con maior potencial comercial foi para Un dos, un dos... y todo irá bien de Vicky Cordero.
Xunto ás premiadas, Debut 2019 supuxo a estrea dos traballos de fin de máster de Alexandra Pais, Silvia Vilarelle, Andrea Flórez, Anaïs Kerbrat, Tania Campos, Silvia Marra, Ana Casas e Sandra Parguiña; así como dos proxectos de fin de estudos de Teresa Búa, María Fall, Andrea González, Paloma Malvar, Vanessa Parente, Andrea Piñeiro, Icía Vázquez e Laura Villegas.
A directora da Esdemga, Lola Dopico, destacou que esta edición de Debut foi "moi especial" ao estar caracterizada por ser á vez "un punto de peche e un punto de inicio". Nela presentáronse proxectos que son o resultado de "moitas horas de traballo, dun investimento persoal e dunha aposta moi importante polo seu futuro", marcados por múltiples fontes de inspiración.
Así sobre a pasarela presentáronse tanto coleccións que cuestionaban o binarismo de xénero ou os tabús arredor da sexualidade, como proxectos influenciados por filmes como O silencio dos cordeiros ou por compositores como Mozart, pero tamén polas mulleres do sector pesqueiro, a cultura tibetana ou polo impacto da industria téxtil no medio ambiente.
Xunto ás coleccións que optaban aos diferentes premios, Debut 2019 completouse coa presentación de doce proxectos realizados o pasado curso por estudantes de primeiro curso do mestrado e coas propostas que 16 alumnas realizaron, divididas en catro grupos, na iniciativa Brand by us, na que debían desenvolver o deseño dunha marca de moda.
Relacionadas:
-
O espírito da Esdemga estará de novo na pasarela de novos deseñadores da Madrid Fashion Week
Por Redacción |
-
RADIO.- Esdemga, as claves dun centro de vangarda en Pontevedra
Por Marisa Ciordia |
-
Os Premios á Xuventude de Pontevedra incluirán por primeira vez a deseñadores de moda
Por Alejandro Espiño |
-
Vinte deseñadores exhibirán as súas coleccións de moda nunha nova edición de Debut
Por Manu Otero |