O PP pide contratar un estudo independente sobre o tráfico e o aparcamento en Pontevedra
Por Redacción
O PP de Pontevedra presentará no próximo pleno ordinario da Corporación municipal unha moción para solicitar que o Concello encargue un estudo a unha empresa independente para realizar un "diagnóstico" dos que considera dous dos principais problemas da cidade nestes momentos, o tráfico e a falta de aparcamento.
O estudo, que insiste que debe ser integral e independente, debería servir, segundo o PP, para retratar o panorama actual, pero tamén para formular unha "batería de propostas para mellorar" a situación en ambos os sentidos.
O portavoz do PP local, Rafa Domínguez, e o concelleiro Pablo Fernández presentaron este venres en rolda de prensa a moción, que se presentará no próximo pleno que non sexa de orzamentos e cuxa oportunidade xustifica a raíz do acordo entre a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra para poñer en marcha dúas liñas de transporte público no municipio.
Segundo as súas explicacións, "é o momento" de abordar a que, na súa opinión, debe ser a "terceira pata da mesa" na xestión do tráfico, o transporte privado. As outras dúas patas serían o transporte público urbano e o transporte metropolitano.
Domínguez insiste en que se contrate ese estudo a unha empresa independente, para o que suxire que se convoque un concurso público, e tamén quere deixar claro que a súa proposta non pretende atacar o modelo de cidade, senón identificar os puntos conflitivos e buscarlle solucións.
"Pontevedra é unha cidade marabillosa e quero que se entenda esta moción non en contra do modelo de cidade", destacou o portavoz do PP, que insiste en que quere "unha Pontevedra con adecuados fluxos circulatorios" e que permita aos seus cidadáns contar cun maior número de lugares de aparcamento.
Detallou algúns dos puntos que el considera conflitivos dentro dese "problema de tráfico severo e continuado" que ten a cidade desde hai anos: Xeneral Martitegui, O Burgo, Santiaguiño, Cobián Roffignac ou Raíña Víctoria. Ademais, insiste en que en todas as enquisas sobre preocupacións dos pontevedreses, o tráfico figura sempre como unha das principais.
Relacionadas:
-
O PP inicia co sector do taxi unha rolda de contactos para avaliar os problemas de tráfico en Pontevedra
Por Redacción |
-
O transporte urbano de Pontevedra queda "moi lonxe", segundo o PP, de cidades similares
Por Redacción |
-
Concello e Xunta pactan dúas liñas circulares de transporte público en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |