O Plan Concellos 2020 destinará máis cartos aos municipios máis pequenos
Por Alejandro Espiño
O programa estrela da Deputación de Pontevedra, o Plan Concellos, introduce novidades para a súa convocatoria de 2020. A principal, segundo avanzou a presidenta provincial Carmela Silva, é a "discriminación positiva" cara os municipios de menos de 20.000 habitantes, que recibirán máis fondos desta iniciativa.
As bases do Plan Concellos, aprobadas este venres, fixan os criterios polos que se repartirán os 42,2 millóns de euros que a Deputación transferirá aos concellos no marco deste programa.
Oito de cada dez euros irán para os concellos de menos de 20.000 habitantes -un 44,6% serán para os municipios de ata 10.000 habitantes e un 34,49% para os que non superan os 20.000-, mentres que os de ata 50.000 habitantes recibirán o 20,91%, un 1,09% menos que en 2019.
Carmela Silva destacou que estas cantidades volven a situar á Deputación de Pontevedra como a que máis recursos dedica aos concellos de toda España, ata un 30% dos seus recursos e, ademais, recordou que o fai "con criterios claros" e, a diferenza de etapas anteriores, "apartados do capricho de quen goberna".
"Antes había vinte millóns de euros de libre disposición que o presidente dedicaba ao que lle parecía e agora os cartos repártense con plans con bases transparentes", engadiu Silva.
A estrutura do Plan Concellos, sobre o que os municipios terán plena autonomía na toma de decisións, volve asentarse sobre tres liñas dedicadas a impulsar distintos ámbitos da xestión municipal.
A liña 1, dedicada a investimentos, continúa a ser a de maior peso relativo pois contará con 29,7 millóns de euros; mentres que a liña 2, que permite amortización de débeda, pagamentos e gasto corrente, estará dotada con 3 millóns; e a liña 3 de emprego, que permite a contratación de traballadores, conta con 9,5 millóns de euros.
SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS
A Deputación aprobou tamén este venres o destino de máis de 2,2 millóns de euros para financiar os servizos sociais comunitarios en 52 concellos da provincia que, entre outras novidades, reforza as contías nos quince municipios coa poboación máis envellecida, entre eles Cuntis, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Lama.
Case un millón será para sufragar o módulo de persoal para os servizos sociais comunitarios básicos dos concellos e o resto, algo máis de 1,2 millóns para os respectivos servizos de axuda no fogar, que atenden fundamentalmente a persoas maiores con déficits de autonomía ou con diversidade funcional.
O perfil das persoas usuarias deste servizo, explicou Carmela Silva, é principalmente unha muller, maior de 70 anos, coas limitacións propias da idade e que precisa apoio para realizar algunha das tarefas e actividades da vida diaria.
As cantidades que se achegan son para Poio (90.126 euros), Vilanova de Arousa (82.939), Sanxenxo (62.202), Cerdedo-Cotobade (59.534), Meaño (55.042), Bueu (51.786), Caldas de Reis (50.907), O Grove (50.189), Cambados (47.163), Cuntis (41.521), Ponte Caldelas (40.917), A Lama (33.838), Barro (31.591), Meis (31.224), Portas (29.806), Ribadumia (29.296), Moraña (23.577), Campo Lameiro (23.421), Vilaboa (21.115) e A Illa de Arousa (21.014).
Relacionadas:
-
Nova inxección de dous millóns de euros aos municipios a través do Plan Concellos
Por Redacción |
-
Cuntis estrea o Plan Concellos 2020 coa contratación de dezanove traballadores
Por Redacción |
-
López Font presume da autonomía que a Deputación dispensa aos Concellos: "Desde 2016 son mayores de edad"
Por Redacción |
-
O pleno da Deputación aproba o orzamento para o próximo ano
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O PP cualifica os orzamentos da Deputación como "anti provincia e anti concellos"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación presenta un orzamento de 161 millóns de euros
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |