Anulan unha sanción contra un pesqueiro do Grove e obrigan á Xunta a pagar a xarda que lle quitaron
Por Redacción
O xulgado do contencioso administrativo número 1 de Pontevedra anulou a sanción imposta pola Xunta de Galicia a un pesqueiro do Grove ao que se lle incautaron 475 quilos de xarda e se lle impuxo unha multa de 351 euros por exceder o tope máximo de capturas.
A sentenza estima o recurso presentado polo patrón da embarcación e deixa sen efecto a resolución do goberno galego, que deberá devolver ao afectado a contía da multa e abonarlle o diñeiro que obtería coa venda do peixe.
O xuíz argumenta que a competencia para sancionar a descarga de pesca realizada en augas exteriores que supera os topes máximos de captura de especies peláxicas corresponde "con carácter exclusivo e excluínte" ao Estado.
A Xunta, segundo recolle o fallo deste xulgado pontevedrés, pode colaborar coa administración estatal na fase de inspección "pero non pode substituíla nin subrogarse na competencia do Estado sancionando directamente ao infractor".
O titular do xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra subliña que a potestade sancionadora da Xunta circunscríbese ás infraccións por superación de topes de captura en augas interiores de Galicia.
O patrón alegou que toda a xarda capturada esa semana do mes de marzo de 2017 pescouse en augas exteriores e para acreditalo achegou o seguimento da caixa azul do pesqueiro e a listaxe de posición expedido pola Secretaría Xeral de Pesca.
Ademais, a descarga produciuse no porto de Burela (Lugo), que é un dos habilitados para a inspección de especies peláxicas capturadas en augas exteriores.
A Xunta de Galicia, sinala o xuíz na sentenza, non achegou "ningunha proba" para rebatelo e ademais engade que a resolución que implantou o límite dos 10.000 quilos semanais non entrara en vigor nas datas nas que se realizou a pesca "porque non se publicou en diarios oficiais".
A sentenza apoia tamén a denuncia do patrón, para o que o suposto exceso de capturas non fora acreditado obxectivamente, xa que este solicitou os certificados de calibración da báscula utilizada polos inspectores gardacostas "pero inexplicablemente a Xunta non llos facilitou".
“Por tanto, descoñécese se a báscula utilizada polos axentes denunciantes está ben calibrada ou se superou os controis regulamentariamente establecidos", conclúe o maxistrado.