Os Premios á Xuventude de Pontevedra incluirán por primeira vez a deseñadores de moda
Por Alejandro Espiño
A terceira edición dos Premios Provinciais á Xuventude chegan con novidades. A súa entrega será nunha gala que se celebrará o 28 de novembro no Pazo Provincial e, por vez primeira, tamén se recoñecerá o talento dos novos creadores e deseñadores de moda.
Estes premios, aos que poden concorrer mozos e mozas da provincia que teñan entre 15 e 35 anos, foron creados, segundo recordou Carmela Silva, para promover o talento e o potencial, a innovación e creatividade da mocidade da provincia e premiar o seu compromiso para construír un mundo mellor.
Na gala, que estará presentada pola escritora galega Silvia Penas, anunciaranse os gañadores de entre os 61 proxectos presentados nas categorías que conforman os premios.
Ademais do novo premio en deseño e moda, os Premios Provinciais á Xuventude recoñecerán propostas en iniciativa social, iniciativa empresarial, contido dixital, educación en valores, traballo musical, dividido nas subcategorías de música clásica e outros xéneros musicais. traballo literario en narrativa, poesía e banda deseñada e fotografía orixinal.
Os trofeos serán elaborados pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra na gala tamén actuará o músico galego Pablo Lesuit.
Carmela Silva avanzou que, con motivo da incorporación da moda, ela mesma acudirá á gala cun vestido elaborado por unha alumna da Esdemga. "Sempre pensei que os responsables políticos temos que ter xestos e ter a valentía de amosar toda a riqueza creativa", explicou.
MUSIGAL E PONTEGAL
Ademais, a Deputación de Pontevedra anunciou que reforzará os programas de difusión da actividade artística e da riqueza cultural, Musical e Pontegal, aos que en 2020 achegará 1,5 millóns de euros.
A partir da semana que vén abrirá o catálogo ao que se poderán adherir grupos, artistas, compañías e agrupacións da provincia, das múltiples e variadas expresións artísticas como o teatro, as bandas musicais, as masas corais, a danza, a música clásica ou o folclore.
No caso de Musigal, o goberno provincial avanzou que se vai dar prioridade aos concellos con menor número de habitantes para democratizar a cultura e que todos poidan contar con algunha actuación musical de primeiro nivel.
Relacionadas:
-
RADIO.- Pablo e Ozo, o emprendedor e o artista que se aliaron durante o confinamento
Por Marisa Ciordia |
-
Musigal 2020 levará a música galega en galego a 58 concellos de Pontevedra
Por Redacción |
-
Preto de 90 grupos formarán parte do programa Musigal 2020
Por Redacción |
-
A fusión barroca entre oriente e occidente triunfa en Debut 2019
Por Redacción & Cristina Saiz |