Vilagarcía acenderá a súa iluminación de Nadal o día 1 de decembro
Por Redacción
O domingo 1 de decembro é a data escollida polo Concello de Vilagarcía para acender oficialmente a súa iluminación do Nadal.
A inauguración da iluminación terá lugar ás 19:30 horas na Praza de Galicia, presidida por unha árbore transitable 17 metros de alto e que dispoñerá de luces dinámicas, sinalan desde o goberno local. Ademais para dar o pistoletazo de saída ao Nadal contarase coa visita de Papá Noel e a colaboración da banda de Música de Vilagarcía.
A decoración da Praza de Galicia non se limitará en todo caso ao gran cono central, senón que tamén contará adornos a xogo nos farois e con outras dúas árbores artificiais. Habilitarase tamén un 'photocall' de temática do Nadal neste punto e en Fexdega.
As principais rúas do municipio decoraranse con arcos luminosos, adornos en farois e globos de luces. Tamén se decorarán prazas aproveitando árbores naturais para poñerlles luces.
Vilaxoán e Carril contarán tamén con árbores luminosas de 5 metros de alto, ademais dos arcos de luces nas rúas, o que se completará con adornos nas principais entradas da cidade e nas rotondas de Fontecarmoa, Pablo Picaso e As Carolinas.
Toda a iluminación realizarase mediante sistemas Led, de baixo consumo, estando activa ata o día 7 de xaneiro en horario de 18:00 horas da tarde a 1:00 da madrugada.