O Burgo estrea o seu novo local social no Estadio Municipal de Pasarón
Por Redacción & Diego Torrado
Cuns meses de atraso, pero os veciños do barrio do Burgo poden gozar ao fin do seu novo local social.
A pesar de que as obras para habilitar o local finalizaron no verán, a tramitación para poder ocupalo estendeuse ata a inauguración oficial celebrada este sábado coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
A partir de agora o barrio conta cunhas modernas instalacións multiusos, que están situadas nunha das esquinas do Estadio Municipal de Pasarón, pero que contan con entrada independente para o seu bo funcionamento.
O novo centro social do Burgo conta con climatización, conexión informática, mobiliario, proxectores e unha cociña, entre outros equipamentos.
Nas obras desta instalación o Concello de Pontevedra investiu preto de 600.000 euros.