Unha exposición fotográfica para desmontar a mitoloxía do amor romántico
Por Redacción
'Desatellando o Amor Romántico' é o título da exposición fotográfica que se inaugurará o vindeiro martes 26 de novembro na Praza de Ourense.
Catro fotógrafas, entre elas a profesional de PontevedraViva Cristina Saiz, son as autoras das imaxes da mostra, impulsada pola concellería de Igualdade e que pretende "incidir na realidade dun problema cotián que ofrece unha enganosa visión das relacións entre persoas: a nociva mitoloxía do amor romántico", explica a edil Pomba Castro.
"Desartellando o Amor Romántico' fará fincapé no feito de que os celos non son sinais de amor, nin a realización vital dunha persoa pasa por atopar parella, nin a metáfora dunha relación debe ser un cadeado" completa a responsable municipal de Igualdade.
Na inauguración da exposición, prevista para as 12:00 horas do citado martes 26 estará presentes as catro autoras das fotografías: Cristina Saiz, Beatriz Ciscar, Lorena Oliver e Cristina Pontanilla.
A mostra, na que colaborou Polo Correo do Vento, permanecerá na Praza de Ourense ata o día 3 de decembro, data na que, con motivo das festas de Nadal, será trasladada á Gran Vía de Montero Ríos.