O SUP alerta dun "elevado" número de casos de acoso sexual e laboral na Policía Nacional que non se denuncian
Por Anxo Lourido
O Sindicato Unificado de Policía (SUP) presentou este luns en Pontevedra o informe sobre o clima laboral na Policía Nacional, un estudo realizado polas Universidades de Vigo e de Santiago nas comisarías de Galicia cun perfil de mostra conformado por un 81,4% de homes e 18,6% de mulleres axentes do corpo. O informe, segundo explicaba Carlos Ferro, docente da Universidade de Vigo, realizouse a partir de 200 preguntas que foron respondidas por 170 persoas durante máis de media hora.
Roberto González, secretario xeral do SUP en Galicia, entende que se trata dun estudo que reflicte datos reais porque os participantes dedicaron tempo a contestar á enquisa e realizouse de forma "razoada".
Un dos datos que chaman máis a atención neste informe é o que se recolle no apartado das perspectivas de xénero no que se analizan os comportamentos verbais, non verbais, físicos non desexado de índole discriminatorio, sexual, moral ou institucional. O 48,8% dos enquisados declara vivir de forma directa ou indirecta diferenzas de trato por razón de sexo. Ademais, o 68,3% considera que o xénero masculino ou feminino do funcionariado inflúe á hora de acceder a determinados postos de traballo. O 39,4% das persoas enquisadas tivo coñecemento de acoso laboral na Dirección Xeral da Policía.
Sandra Fernández, secretaria provincial do SUP, sinalaba que se inician moi poucos trámites por casos de acoso ou de discriminación, só rexistráronse 14 en catro anos en todo o Estado e só un destes casos de acoso laboral acabou en sanción. Isto provoca que sexan poucas as persoas da Policía Nacional que se atrevan a denunciar. "As compañeiras cando teñen unha situación de discriminación prefiren cambiar de posto de traballo antes de iniciar o trámite porque normalmente non é favorable", indicaba Sandra Fernández, que afirmaba que non se detecta un gran número de casos de acoso laboral nin sexual aínda que si é un número "elevado" para o corpo policial. Neste sentido Roberto González afirma que non funciona o protocolo de acoso laboral e o de acoso sexual non existe.
González sinalou que entre axentes das Unidades de Intervención Policial (UIP) ou da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) perdura o medo para denunciar estas situacións por temor a sufrir represalias por parte dos seus superiores. "É algo no que temos que avanzar", apuntou o máximo representante do SUP sinalando que se rexistran situacións desagradables que minguan a capacidade psicolóxica do funcionariado.
Indican tamén que a conciliación da vida familiar é "moi difícil" e que as mulleres na Policía Nacional son un reflexo da sociedade cun clásico "teito de cristal", xa que só un 8,79 alcanza postos de responsabilidade na cúpula policial.
Á marxe destes datos, desde o SUP alertan tamén de que está pendente a terceira fase de equiparación salarial e esperan que se execute en 2020, tal como comprometeuse o Ministerio de Interior. Denuncian que o actual pago de dietas está desfasado xa que só se abonan 47 euros por aloxamento. A enquisa mostra que os policías non se consideran recoñecidos polos seus superiores e esta situación queda recollida na concesión das medallas anuais.
Reclaman tamén máis formación en tiro, en coñecementos penais, en inglés ou en artes marciais. Piden ademais maior seguridade e garantías para as súas intervencións. Neste sentido, Roberto González afirma que cando se lles dote de pistolas taser será necesario que vaian conectadas a cámaras que garantan a correción das intervencións nunha instrución xudicial.
Alertan da tensión laboral que sofren, das malas condicións en Comisarías como a de Vigo. Víctor Vasco, secretario xeral de Vigo, indica que a sala do 091 supera os 32 graos e que Inspección de Traballo non pode acceder para rexistrar estas situacións. Sinalan que precisan chalecos antibalas, uniformes ou fundas antifurto ou vehículos en condicións.