Caixabank recoñece unha actuación neglixente e abona 210.000 euros apropiados indebidamente polo ex contable da Confraría do Grove
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
Mediante un acordo de conformidade Caixabank recoñeceu este luns a existencia dunha actuación neglixente e abonou 210.000 euros apropiados indebidamente á Confraría do Grove. O acordo materializouse antes do inicio, na Sección segunda da Audiencia de Pontevedra, do xuízo por malversación de fondos públicos contra o excontable da Confraría de Pescadores San Martiño do Grove, Fabricio F.A..
A primeira xornada do xuízo transcorreu coa conformación do xurado e a presentación das probas que esgrime cada unha das partes, quedando para o martes o inicio da vista oral coa declaración do acusado para o que a Fiscalía solicita unha condena de seis anos de prisión e 15 anos de inhabilitación.
Fabricio F.A., está acusado de apropiarse de 505.000 euros do pósito pero antes de que se iniciase contra el un procedemento xudicial por estes feitos confesou perante o xulgado de Instrución número 1 de Cambados recoñecendo apropiarse indebidamente duns 190.000 euros, correspondentes unicamente ao diñeiro retirado das entidades bancarias Caixabank e Banesto (agora Banco Santander).
Con todo, o escrito de acusación da Fiscalía sostén que o acusado "obrando con ánimo de ilícito enriquecemento, faltando ao deber de lealdade para coa confraría da que era empregado e aproveitando a circunstancia de ter acceso ás caixas e contas bancarias, concibiu o plan de ir facendo súas paulatinamente diversas cantidades de euros durante os anos 2009 e 2010, logrando incorporar ao seu patrimonio un total de 505.515,83 euros".
O fiscal David de la Fuente advertiu aos membros do tribunal popular que "tienen una tarea ardua" xa que este "es un juicio difícil, no es divertido, puede resultar aburrido y tedioso". Con todo, o representante do Ministerio Público cre que os xurados contan cunha vantaxe e esta é que "los número son elocuentes, no se equivocan, dicen la verdad".
A defensa do acusado alega que no momento de cometerse os feitos Fabricio estaba afectado do trastorno do control de impulsos coñecido como ludopatía, tendo limitada a súa vontade pola adicción aos xogos de azar.
O avogado da Confraría do Grove lembrou que naquela época había uns 800 socios, maioritariamente familias do Grove, "a las que no solo ha defraudado la confianza, sino que se ha quedado con dinero ajeno no por ludopatía, sino para mantener un nivel de vida".
E é que este letrado da acusación particular sostén que o acusado, que tamén rexentaba varios negocios, "cuando se vio descubierto tejió una estrategia de confesión parcial" na que "la ludopatía entendemos que es una estrategia procesal".
A confraría, o propio Ministerio Fiscal e a aseguradora Allianz S.A. tamén sinalan como responsables civís subsidiarios ás dúas entidades bancarias Caixabank e o Banco Santander, das que sacou o diñeiro pertencente ao colectivo. A primeira das entidades recoñeceu hoxe a existencia dunha neglixencia bancaria por non esixir as dúas firmas mancomunadas necesarias para realizar os movementos do diñeiro. A segunda, Banco Santander, á que reclaman 34.300 euros, asegura que non existiu neglixencia.
Este martes retomarase o xuízo coa declaración do acusado e está previsto que ao longo de toda a semana comparezan na sala unha vintena de testemuñas entre excompañeiros do acusado, médicos forenses, técnicos economistas, peritos contables e psicólogos.
Relacionadas:
-
Ano e medio de cárcere para o ex contable da confraría do Grove por malversación
Por Redacción |
-
Condenado o responsable dunha aseguradora de Pontevedra por quedar cos cartos dos clientes
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O xurado declara ao ex contable da confraría do Grove culpable de apropiarse de cartos do pósito
Por Oskar Viéitez |
-
Fabricio F. admite terse apropiado de 220.000 euros da confraría do Grove para gastalos no Casino
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A imposibilidade de configurar o xurado obriga a suspender o xuízo ao excontable da Confraría do Grove por malversación
Por Manu Otero |
-
Un tribunal popular xulgará a próxima semana o ex contable da confraría do Grove por apropiarse de fondos
Por Oskar Viéitez |