Pontevedra viste de negro "como símbolo de loito e de loita" contra a violencia machista
As novas xeracións pediron paso este 25 de novembro, día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, para que o seu berro se escoitara en Pontevedra. Nenos e nenas dos colexios do municipio encheron a Praza da Ferrería para mostrar a súa "máis absoluta repulsa" ante todo tipo de violencia contra as mulleres, e de xeito máis enérxico, a súa consecuencia máis extrema, os asasinatos.
Os asistentes denunciaron tamén a complicidade de quen "acubilla, silencia e nega" as violencias machistas, "porque quen actúa con complicidade e mirando para outro lado, tamén é culpable", segundo advertiron.
A violencia machista, segundo denunciaron no acto, o símbolo "máis brutal" da desigualdade existente na sociedade porque se dirixe ás mulleres "polo feito mesmo de selo", por ser consideradas polos seus agresores "carentes dos dereitos mínimos de liberdade, respecto e capacidade de decisión".
Con respecto a esta loita, os escolares apuntaron que "a rabia e o desconsolo" ante as vítimas mortais da violencia machista, cinco delas en Galicia no que vai de ano, "empúrranos a vestir de negro como símbolo de loito pero tamén de loita".
Pediron ademais que se combata esta violencia machista "con todos os recursos ao noso alcance", pero non só os episodios máis graves, senón tamén "as moitas e de moi diferentes formas" que esta violencia se expresa contra as mulleres.
Para afrontar todas estas violencias, apuntaron os lectores do manifesto, hai que recoñecer as "graves fendas" de xénero existentes no ámbito social, económico ou cultural e que cómpre traballar para atallar as causas "estruturais e sociais" que sustentan estas desigualdades a través de "políticas reais" para a promoción da igualdade e a prevención das violencias.
"Contra as violencias, educación", berraron os asistentes, que sinalaron que o mellor xeito de contrarrestar a violencia de xénero é previla tratando as súas orixes e as súas causas estruturais, mediante unha educación das crianzas "que promova as relacións de respecto e a igualdade de xénero".
"O traballo coa xuventude é a mellor opción para lograr un progreso rápido e sostido en materia de prevención e erradicación das violencias machistas", sinalaron os organizadores, ao entender que é unha "época crucial" durante a que se forman os valores dos mozos e mozas. Ante iso reivindicaron que a educación en igualdade sexa "transversal" nos centros escolares.
Relacionadas:
-
Pontevedra contratará once mulleres vítimas da violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
Unión feminista no 25-N: "as redes que se están a tecer desde o feminismo son imparables"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Deputación amosa a súa "indignación e enfado" cos negacionistas da violencia de xénero
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
"Tolerancia cero" en Pontevedra para que a violencia machista "non siga actuando impunemente"
Por Alejandro Espiño |
-
Un berro ben alto contra o "terrorismo machista"
Por Redacción |
-
Os relatos e as pinturas infantís tamén axudan a concienciar na loita contra a violencia de xénero
Por Cristina Saiz & Redacción |