Oito contedores favorecerán a recollida de aceite doméstico usado en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas acaba de instalar oito contedores para a recollida de aceite de cociña usado en distintos puntos do rural e do centro do municipio dentro da súa política de coidado do medio ambiente.
Os oito contedores están colocados na rúa González Besada, no lateral do CEIP Cordo Boullosa, no lateral da Casa da Cultura e na avenida de Vigo. No rural haberá en Silvoso, Xustáns, A Reigosa e Tourón.
Segundo informou o Concello, estes novos contedores permitirán que o aceite doméstico se recicle pola canle axeitada, evitando que a veciñanza o verta polo sumidoiro ou que o aceite acabe no contedor verde.
Os novos contedores son de cor vermella e teñen un deseño moderno, cunha 'boca' pola que se deben introducir as botellas de plástico de ata cinco litros que previamente se encheron de aceite de cociña usado. Un recubrimento interior evita derrames e ofrece unha maior resistencia en caso de incendio.