Vilaboa sae á rúa para renovar o seu "firme compromiso" contra a violencia de xénero
Por Redacción
Vilaboa sumouse aos actos polo 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, cunha concentración que se celebrou diante da casa consistorial e na que os asistentes mostraron o seu "firme compromiso" para rexeitar a violencia de xénero.
O manifesto da corporación municipal, lido polo alcalde Francisco Costa, recolle a convicción de que a "tolerancia cero" coa violencia contra as mulleres "debe ser un valor" e como tal ten que ser defendido pola sociedade no seu conxunto.
"Unha sociedade decente esixe avanzar cara a unha sociedade segura e libre de violencia de xénero, que garanta unha resposta efectiva ás mulleres que sofren violencia, así como aos seus fillos e fillas, xerando e ofrecendo os mecanismos necesarios para conseguilo", explicou o rexedor de Vilaboa.
O alcalde, en nome de toda a veciñanza, reclamou dotar "suficientemente" as partidas orzamentarias para loitar contra a violencia machista e pediu crear un fondo específico de apoio aos concellos para dar reforzo á rede de servizos públicos, impulsando o papel que desempeñan os servizos sociais municipais e os centros da muller.
A este respecto, Francisco Costa falou da importancia de que a xustiza teña os recursos suficientes para combater esta lacra e de que a educación ofreza unha formación integral e específica en igualdade, educación afectivo-sexual e de prevención da violencia de xénero.
A concentración rematou cun minuto de silencio por todas as vítimas mortais da violencia de xénero que, segundo lembrou o alcalde, "son mulleres con nomes e apelidos, cunha vida por diante que se foi truncada por unha violencia cruel exercida, precisamente, pola persoa coa que un día decidiron compartir a súa vida".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas invita a 'cortar' coa violencia machista nun duro e emotivo acto
Por Redacción |
-
Paso firme dun Cuntis 'en negro' contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Concentración silenciosa en Bueu en contra das violencias machistas
Por Redacción |
-
A Lama visibiliza a lacra da violencia de xénero
Por Redacción |
-
Marín pide a "participación activa" da veciñanza contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Campo Lameiro presenta o seu vídeo contra a violencia machista con motivo do 25N
Por Redacción |
-
Cinco novos carballos en Moraña para simbolizar o rexeitamento á violencia de xénero
Por Redacción |