O BNG denuncia o "estado lamentable" do centro de saúde de Raxó
Por Oskar Viéitez
O BNG ven de denunciar o "estado lamentable" xa que "a Xunta de Galiza non se ocupa do mantemento" do centro de saúde de Raxó e "o seu estado causa as queixas entre a veciñanza".
Os nacionalistas din que o consultorio médico de Raxó está nunha "situación límite", e sinalan que "a falta de mantemento por parte da Xunta de Galiza maniféstase en cada parede, os danos estruturais non son os apropiados para un lugar onde realizar labores sanitarias".
O Bloque cre que a veciñanza de Raxó merece unhas mellores condicións para ser atendida e cualifican de "vergonzoso" o seu estado actual. Ademais, acusan ao PP de Poio de estar "caladiños ante a falta de investimento da Xunta e a súa incapacidade de resolver os problemas sanitarios de Poio".
O BNG defende que Poio precisa un Punto de Atención Continuada (PAC) "mais tamén que se manteñan os consultorios médicos actuais".
O BNG de Poio presentou o pasado venres 18, a través do seu grupo parlamentario unha emenda aos orzamento da Xunta na que se demanda un maior investimento sanitario no concello e a construción dun centro saúde.