Denuncian varias verteduras de entullos nunha pista da parroquia de Seixo
Por Redacción
A Policía Local de Marín investiga a aparición dunha serie vertidos formados por entullos, principalmente de material de obra, localizados nas marxes do vial das Abesadas, desde o lugar da Torre en dirección ao Colexio de Seixo.
Os axentes do corpo de seguridade foron ata o lugar para facer unha supervisión visual da zona e das verteduras denunciadas, dos que logo informaron ao Concello de Marín.
Desde o Goberno municipal valoraron que é "indignante que xente sen civismo verta entullo de obra por unha zona verde como son as Abesadas, na contorna do Río Loira".
O Concello de Marín asegura que vai "perseguir estas condutas coa axuda de toda a sociedade, xa que estes actos de delito ambiental non son tolerables".
Ademais, desde a Concellería de Medio Rural lembran que existen empresas que alugan e transportan contedores nos que depositar este tipo de material para a súa posterior reciclaxe.