O Sergas investiu 4.500 euros nos últimos catro anos no consultorio de Raxó
Por Oskar Viéitez
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de emitir un comunicado no que lembra que asume e inviste no mantemento do consultorio de Raxó, en Poio, aínda que é propiedade da confraría de pescadores San Gregorio.
Tal e como se recolle nos acordos coa FEGAMP, coma no resto dos edificios que non son propiedade do Servizo Galego de Saúde (Sergas), neste caso o mantemento e conservación xeral do edificio -que ocupa 170 metros cadrados dun baixo- correspondería á citada Confraría.
Non obstante, "pola situación especial deste caso", o Sergas realiza o mantemento de mobiliario e equipamento pero tamén o mantemento interior do centro.
Neste senso, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés lembra que realizou intervencións de mellora, tales coma o pintado interior, un cambio de portas e mobles, arranxos de grifería, actuacións todas elas que "nos últimos catro anos supuxeron un investimento superior a 4.500 euros con cargo ao sistema sanitario público galego".
Complementariamente, para subsanar problemas de filtración e humidades pola fachada, o Sergas realizou en 2016 -mediante un acordo puntual coa Confraría- o arranxo da fachada do edificio, cun custo superior aos 4.000 euros. Así mesmo, o pasado ano 2018 substituíronse canalóns e baixantes de pluviais, cunha inversión superior aos 1.000 euros.
Respecto ás deficiencias denunciadas neste consultorio, que se construíu hai máis de 40 anos, o Sergas sinala que son consecuencia de gretas e fisuras derivadas de defectos estruturais do edificio -tanto pola súa antigüidade como pola súa escasa calidade construtiva- e xa foran comunicadas á confraría no 2013 e engade que ditas gretas incrementáronse polas vibracións xeradas na realización de obras de ampliación dos viais anexos ao edificio durante o pasado verán.
Finalmente, a Área Sanitaria quere deixar patente co seu comunicado que a administración local é a responsable de poñer ao dispor do Sergas ou ben un edificio ou unha parcela libre de cargas e gravames para executar novas infraestruturas sanitarias públicas.