Cambios na circulación do tráfico en Concepción Arenal polas obras
Por Redacción
A segunda fase das obras de humanización da Rúa Concepción Arenal suporá cambios na circulación rodada do viario, segundo anunciou este martes o Concello de Marín.
Así, a partir deste xoves, 28 de novembro, o tramo da rúa que está sendo obxecto dos traballos pasará a ter un só sentido, para que se poidan executar as obras na marxe dereita.
Desta forma, o Concello informa de que todos os vehículos que veñan desde Pontevedra cara á vila marinense, deberán baixar pola Rúa José Trasande. No caso de que quixeran incorporarse a Concepción Arenal, poderán facelo máis adiante, subindo de novo pola Rúa Vidal Pazos.
Con respecto aos servizos, unicamente se verá afectada a parada do autobús escolar situada fronte á gasolineira, que se trasladará uns metros máis adiante, xusto fronte á Xoiaría Fontán.
O cambio de ubicación da marquesiña e o do sentido único de tráfico, son transitorios, namentres duran os traballos de humanización neste punto da segunda fase, que, segundo o Goberno municipal, será durante todo o mes de decembro.
A empresa Oresa é a que se está encargado de executar a obra, sendo a que tamén se encargou de realizar a primeira fase da humanización da rúa. O custo global da actuación será de 653.423 euros e, tal e como sucedeu ca primeira fase, contarase co financiamento da Axencia Galega de Infraestruturas.
O Concello considera moi importante o desenvolvemento deste proxecto, dada a situación tan central no núcleo urbano que ten esta rúa e pola importancia de desconxestionar a carga de tráfico diaria que soporta, mellorando o ancho dos carrís, e mellorando o espazo público dos peóns, gañando tamén metros para as beirarrúas. Isto conséguese coa supresión dunha das liñas de aparcadoiros.
O obxectivo tamén é o de mellorar a parte interna, é dicir, todo o que ten que ver cos sistemas de abastecementos, que xa se atopaban nun estado de conservación malo, debido ao paso do tempo, e que xeraban moitos problemas de avarías.
Relacionadas:
-
Cortan dous días a rúa Concepción Arenal para avanzar na súa humanización
Por Redacción |
-
Restablecido o tráfico en Concepción Arenal
Por Redacción |
-
Marín restrinxirá o tráfico en Concepción Arenal e Avenida de Ourense polas obras
Por Redacción |
-
Adxudicada a segunda fase das obras de humanización de Concepción Arenal
Por Redacción |