A Policía Local de Poio detén un condutor tras perseguilo polo Sartal, Arís e Fragamoreira
Por Redacción
Coma se dunha escena de película ser tratase a Policía Local de Poio protagonizou na tarde do martes unha persecución a toda velocidade polas estradas do municipio.
En concreto os axentes arrincaron tras un condutor que se deu á fuga cando se lle tentou dar o alto. A Policía Local identificárao como responsable de varios roubos.
Esta persoa, veciño de Poio, tentou despistar á Policía circulando polas zonas do Sartal, Arís e Fragamoreira, pero finalmente foi interceptado.
Foi detido por un presunto roubo con forza en dúas embarcacións no porto de Combarro. Os feitos ocorreron o domingo de madrugada, os propietarios presentaron sendas denuncias na Policía Local.
O material roubado foi de 3 bengalas, 3 cohetes, 3 chalecos autoinflables de emerxencia, un televisor e 10 kg de camaróns. A Policía logrou recuperar parte do botín roubado, que foi entregado aos seus lexítimos propietarios. As dilixencias foron trasladadas ao xulgado.